
O Grupo Operativo Supraautonómico REBAÑOS DE CUSTODIA propón un modelo que sitúa a gandería extensiva de vacún, caprino e ovino no centro dunha estratexia territorial ampla. A iniciativa aposta por unha forma de producir alimentos que xera emprego no rural, contribúe ao mantemento do territorio e favorece paisaxes con maior diversidade e resiliencia fronte ao lume.
A iniciativa desenvolverase durante tres anos en tres zonas piloto: a Serra do Courel (Lugo), o Macizo do Garraf (Barcelona) e a Serra do Montsec (Lleida). Estes territorios permitirán probar solucións en contextos diversos e extraer aprendizaxes aplicables a outras áreas rurais.
O proxecto parte da idea de que a gandería extensiva non só xera actividade económica e axuda a fixar poboación no rural, senón que tamén proporciona servizos ecosistémicos que benefician o conxunto da sociedade. Por iso, o obxectivo principal de REBAÑOS DE CUSTODIA é facer da gandería extensiva unha actividade máis viable, especialmente en espazos estratéxicos para a prevención de incendios e a conservación da biodiversidade.
Para logralo, o proxecto combina diferentes liñas de traballo: a xestión do pastoreo en zonas forestais, a posta en valor dos produtos e servizos que xera esta actividade e o deseño de mecanismos que aumenten a súa rendibilidade e remuneren os beneficios que achega, como os acordos de custodia e os pagos por servizos ecosistémicos.
Quen somos?
O Grupo Operativo REBAÑOS DE CUSTODIA configúrase como unha agrupación composta por entidades con ampla experiencia desde distintos ámbitos profesionais, sectores e escalas de intervención:
- Fundación Juana de Vega (líder)
- Fundación Pau Costa
- OVICA (Organización de Productores de Ovino y Caprino de Galicia)
- Xestión Agrogandeira e Natureza (membro subcontratado)
- Universitat de Girona (membro subcontratado)
Como imos acadar os nosos obxectivos?
O proxecto desenvólvese cunha metodoloxía participativa que combina coñecemento técnico, experiencia científica e saber práctico do sector gandeiro. O enfoque parte do terreo, tendo en conta as necesidades dos axentes locais e buscando solucións adaptadas e aplicables nas explotacións.
O primeiro paso consistirá en identificar as áreas onde o pastoreo pode ter un maior impacto na prevención de incendios e na conservación de hábitats de interese. A partir dese diagnóstico, poñeranse en marcha modelos de manexo silvopastoral axeitados para cada zona piloto, considerando as condicións ecolóxicas, produtivas e sociais de cada territorio.
Despois, analizarase a viabilidade económica destes modelos mediante traballos de campo e ferramentas específicas que permitan valorar custos, beneficios e oportunidades de mellora para as explotacións. O obxectivo é reforzar a utilidade territorial da gandería extensiva e, ao mesmo tempo, mellorar a súa sostibilidade económica.
Outra liña de traballo centrarase en dar maior valor aos produtos e servizos vinculados a esta forma de gandería. Estudaranse canles curtas de comercialización, marcas territoriais e certificacións ambientais que axuden a reforzar o seu recoñecemento no mercado e entre a cidadanía.
O proxecto tamén explorará mecanismos de pago por servizos ecosistémicos e acordos de custodia agraria que faciliten a colaboración entre gandeiros, propietarios e entidades xestoras do territorio. Ademais, elaboraranse ferramentas prácticas, xunto cunha guía de implementación, que recolla os principais procedementos e requisitos administrativos para a posta en marcha de experiencias de silvopastoreo estratéxico en zonas de alto valor natural.
Cal é o papel da Fundación Juana de Vega neste proxecto?
A Fundación Juana de Vega é a entidade responsable da coordinación e dirección técnica do proxecto, así como das actuacións para a análise da viabilidade técnica e económica dos modelos aplicados, a formalización de acordos de custodia agraria, a elaboración dunha guía práctica de implementación técnico-administrativa e a estratexia de comunicación e transferencia de resultados.
Programa financiador
O Grupo Operativo Supraautonómico REBAÑOS DE CUSTODIA é beneficiario dunha axuda para a preparación e execución de proxectos de innovación de interese xeral por grupos operativos da AEI-Agri, no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027, cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea e nun 20% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA).

Duración
01/05/2026 - 30/04/2029 (36 meses)
Orzamento total
614.903,86€
Importe da axuda concedida
582.122,18€ (cofinanciados nun 80% polo FEADER e nun 20% polo MAPA).