Proxecto e plan de xestión integral da Carballeira de San Fins

A Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, por encargo do Concello da Laracha, redactou o proxecto e plan de xestión integral deste espazo de alto valor natural que permaneceu inalterado durante décadas.

A Carballeira de San Fins é un espazo de alto valor natural, con carácter singular pola súa composición actual, a súa dinámica ecolóxica e por ter permanecido inalterada durante décadas. É un elemento clave da infraestrutura verde do Concello da Laracha (A Coruña), polo que resulta esencial tomar medidas de conservación e xestión que aseguren o mantemento e mellora da biodiversidade e dos múltiples servizos ecosistémicos dos que nos provee.

Con tal fin, desde a Escola Galega da Paisaxe e por encargo do Concello da Laracha, redactouse o proxecto e o plan de xestión integral da Carballeira de San Fins, localizada na parroquia de Montemaior. O estudo abordouse desde unha aproximación ao lugar a múltiples escalas, incluíndo tanto a análise do seu contexto territorial como un inventario detallado de flora e fauna, co cartografado de máis de 1.300 exemplares arbóreos existentes nas súas 2,2 hectáreas de superficie. A partir deste inventario realizouse un cálculo dos servizos ecosistémicos máis relevantes, tendo en conta a capacidade da carballeira para almacenar carbono e fixar partículas contaminantes da atmosfera, así como acumular e filtrar a auga de chuvia, mellorando a calidade dos acuíferos e mantendo a humidade no solo. Así, púxose de manifesto á importancia deste ecosistema para a mitigación do cambio climático e á súa capacidade para prestar acubillo e alimento a diversas especies faunísticas, asegurando a preservación da biodiversidade.

En canto á súa calidade paisaxística e valor cultural, identificáronse unha serie de árbores de carácter singular polo seu carácter morfolóxico e dendrometría (diámetro do tronco, que permite estimar a súa idade), inventariando tamén as diferentes especies e estado de conservación. Ademais dos carballos (Quercus robur), pódense atopar castiñeiros (Castanea sativa), loureiros (Laurus nobilis), bidueiros (Betula alba), acivros (Ilex aquifolium) e, cara ás zonas máis húmidas, amendoeiras (Corylus avellana) e sabugueiros (Sambucus nigra) propios do bosque de ribeira. Ao mesmo tempo, resaltáronse as especies de sotobosque con maior interese, entre elas diversas colonias de fentos, arandeiras silvestres (Vaccinium myrtillus) e sibarda (Ruscus aculeatus), moi ligada á cultura galega das meigas polo seu uso tradicional para a fabricación de vasoiras. Son tamén de destacar as hedras (Hedera hibernica) e outras plantas gabeadoras como a Rubia peregrina, ambas con moito interese para os polinizadores, así como distintas especies de musgos e liques.

Compatibilizar a conservación coa divulgación responsable
O estudo conclúe cunha reflexión sobre a importancia de compatibilizar as medidas de xestión e conservación da carballeira cunha divulgación responsable dos seus valores. Para isto, deseñouse un itinerario e unhas aulas de natureza acoutadas, pequenos claros existentes no bosque acondicionados para a realización de visitas guiadas, garantindo a regulación das zonas de tránsito e axustando o uso á capacidade de carga do lugar. Os itinerarios respectarán as zonas de cría para non molestar á fauna autóctona, e garantirán o acceso e interpretación dos elementos patrimoniais existentes (muros de cachotería seca, canles tradicionais, etc.).

A sinalización integrarase na contorna reutilizando materiais existentes como troncos ou ramas de madeira morta. A xestión desta madeira é tamén un aspecto relevante, debendo ser conservada por conformar os chamados “hoteis de insectos”, que constitúen nichos de biodiversidade. Tamén se realizarán labores de erradicación das especies invasoras existentes, como a Crocosmia spp.

A intervención estase levando a cabo a través dos obradoiros de emprego do Concello da Laracha, contando con actividades formativas da man de expertos en xestión de arborado e espazos naturais, e baixo a dirección dos técnicos da Fundación Juana de Vega e a supervisión do director da Escola Galega da Paisaxe, Pedro Calaza Martínez.