Propiedade, mobilidade da terra e valorización territorial

A Fundación e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) impulsan en colaboración coa Universidade de Santiago, o proxecto de investigación “Propiedade, mobilidade da terra e valorización territorial” cuxo obxectivo é o de mellorar a caracterización e a comprensión da problemática existente ao redor da mobilidade da terra en Galicia.

 

A escasa mobilidade da terra agraria en Galicia lastra a produtividade e a competitividade do sector primario e en particular, do sector gandeiro de vacún de leite. Por iso, esta investigación pretende mellorar o coñecemento da mobilidade das terras con aptitude produtiva agraria, fixándose os seguintes obxectivos:

  • Identificar as fontes de información que dean datos da mobilidade real de terras (Catastro, facenda, banco de terras, solicitudes de axudas da PAC, rexistros de explotacións agrarias, rexistros da propiedade...). Isto permitirá obter información detallada a distintos niveis e a escala parroquial e municipal dos cambios habidos na propiedade e nos usos do chan. A partir desta información construiranse indicadores de mobilidade (indicadores de oferta, de demanda, de transaccións realizadas, e de aptitude produtiva da terra).
  • Integración de toda esta información nun portal SIX-Web da Consellería de Medio Rural e do Mar e na plataforma SITEGAL do Banco de Terras de Galicia, de tal forma que os usuarios (oferentes e demandantes de terra) poidan acceder facilmente a toda esta información. Ademais mellorarase o interface de usuario que permite incorporar on-line peticións ou ofertas reais de terras en base ao parcelario facilitado pola plataforma SITEGAL.
  • Identificar os factores que frean a mobilidade da terra agraria en Galicia. Para iso realizaranse enquisas ou reunións de traballo con axentes que ofrecen e demandan terras de aptitude agraria.
  • Elaborar unha guía de recomendacións que permita á administración o deseño de políticas para mellorar a mobilidade da terra agraria en Galicia.
  • Sentar as bases para a creación dun observatorio da mobilidade de terras en Galicia.

Este proxecto foi desenvuelto polo grupo de investigación "Laboratorio do Territorio" da Escola Politécnica de Lugo, da Universidade de Santiago de Compostela.

Os resultados do traballo de investigación elaborado durante os anos 2013 e 2014 poden consultarse na publicación da USC: “Un enorme bazar: o mercado de terras en Galicia”.