Observatorio da mobilidade de terras de Galicia

Durante os anos 2013 e 2014, a Fundación Juana de Vega, a Axencia Galega de  Desenvolvemento Rural (AGADER) e a Universidade de Santiago de Compostela, desenvolveron o proxecto “Propiedade, Mobilidade de Terras e Valorización Territorial”.

 

Durante os anos 2013 e 2014, a Fundación Juana de Vega, a Axencia Galega de  Desenvolvemento Rural (AGADER) e a Universidade de Santiago de Compostela, desenvolveron o proxecto "Propiedade, Mobilidade de Terras e Valorización Territorial”. Entre os seus propósitos principais estaba o de deseñar un protocolo institucional, técnico e tecnolóxico para a mellora da caracterización e comprensión da mobilidade de terras en Galicia, co obxecto de analizar e comprender os mercados de terras, os efectos que teñen na mobilización produtiva da terra agrícola e, a través dela, incidir na flexibilidade e eficacia da produción primaria.

O proxecto concluíu que as fontes idóneas para obter información sistemática e actualizada sobre as dinámicas da mobilidade de terras en Galicia son os datos xestionados directamente polo Banco de Terras e os derivados do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados. Por outro lado, a integración dos datos do Sistema de Información Xeográfica Catastral (SIXCA) e o Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (SIXPAC) permite obter unha aproximación a mecanismos de mobilidade de terras non documentados como os contratos orais de arrendamento, cesións e/ou permutas. Finalmente, a análise dos indicadores en relación a variables do REAGA ou o Mapa de Aptitude Produtiva do Solo, entre outros, permiten facer unha aproximación sistemática ao comportamento da oferta e a demanda potenciais, así como, caracterizar os índices (prezo, por exemplo) en función de variables estruturais e agronómicas.

Por iso, as administracións implicadas no tratamento destes datos, que empregan como silos estancos para os seus propios cometidos, desexan impulsar a creación e posta en marcha do Observatorio de Mobilidade de Terras de Galicia, que a través da elaboración anual e sistemática dunha serie de indicadores que cubran todo o territorio galego a escala municipal e parroquial, dunha metodoloxía de seguimento da mobilidade de terras, ademais doutras actividades de análise e estudo, ofreza a todos os axentes interesados información válida para a toma de decisións, que facilite un fortalecemento significativo da capacidade de adaptación e modernización do sector público e privado, no tocante á xestión sostible da terra e do territorio, ao tempo que fornece de transparencia ao mercado de terras rústicas de Galicia.

Máis información en Observatorio de Mobilidade de Terras de Galicia