O sector agrario galego enfróntase a un importante reto demográfico. No 2020 soamente o 8% dos xefes de explotación tiñan menos de 40 anos e o 54% destes tiñan máis de 60, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística. Ademais, o modelo clásico de remuda xeracional intrafamiliar xa non é suficiente.
A incorporación dos chamados novos entrantes, persoas que se incorporan desde outro sector diferente ao da agricultura, é fundamental para o mantemento do tecido agrario a longo prazo tanto en Galicia como no resto do territorio europeo.
Estes novos entrantes carecen en moitas ocasións de coñecementos ou experiencia agraria, de terras, ou mesmo de conexións directas co medio rural, elementos críticos para iniciar unha actividade produtiva.
Durante os dous anos de execución (setembro 2022 - outubro 2024), o Grupo Operativo TERRACTIVA buscou mellorar as capacidades técnicas e a xeración de recursos para potenciar o apoio no proceso de incorporación a persoas que se asentan na agricultura por primeira vez xa que, como indica a Comisión Europea, España precisa "redobrar os esforzos … para a redución dos obstáculos no sector".
Os destinatarios principais do proxecto foron, en primeira instancia, aquelas entidades e persoas que actúan, ou están en disposición de facelo, como facilitadores ou mediadores acompañando aos novos entrantes en proceso de instalación (cooperativas agrarias, Grupos de Desenvolvemento Rural (GDRs), técnicos de emprego, Oficinas Agrarias Comarcais, asesores etc.).
En concreto, os obxectivos foron:
- Facilitar a identificación de terras con aptitude agraria susceptibles de mobilización e capacitar e impulsar o apoio para o acceso ás mesmas por parte de novos entrantes.
- Facilitar a incorporación á actividade agraria de novos entrantes cun enfoque agroecolóxico a través da definición de itinerarios de incorporación a medida e da mobilización e organización de recursos de apoio que atendan ás súas principais necesidades.
Deste xeito, o proxecto TERRACTIVA traballou para mellorar a contorna e os marcos globais de apoio á remuda xeracional no sector agrario galego conectando sinérxicamente novas persoas, novas terras e producións.
Púxose unha énfase especial en modelos agroecolóxicos, producións con alto potencial de crecemento no sector agrario galego, contribuíndo así á súa sustentabilidade e diversificación no contexto da Estratexia da Granxa á Mesa, o Plan Estratéxico da PAC para Galicia e a Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia.
Quen somos?
TERRACTIVA estivo coordinado pola Asociación EFA Fonteboa e, xunto coa Fundación Juana de Vega, participaron como socios o Laboratorio do Territorio (Laborate) da Universidade de Santiago de Compostela e a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas – Betanzos. Ademais, contou coa colaboración de Slow Food Compostela e de Granxas de Lousada.

Como acadamos os nosos obxectivos?
Estas son algunhas das ferramentas e recursos elaborados no marco do Grupo Operativo TERRACTIVA:
FERRAMENTAS PARA A GUÍA E ACOMPAÑAMENTO NA INCORPORACIÓN DE PERSOAS NOVAS ENTRANTES NO SECTOR AGRARIO
- Guía para apoiar as persoas novas entrantes na agroecoloxía [PDF]
- Aterrando no sector agrario. Como apoiar as persoas novas entrantes no acceso á terra? [PDF]
FERRAMENTAS DE APOIO Á IDENTIFICACIÓN E ACCESO Á TERRA AGRARIA
- Mapas de oferta potencial de terras a nivel parroquial no GDR Mariñas-Betanzos [PDF]
- Metodoloxía de avaliación da oferta potencial de terras agrarias aptas para acoller actividades agrarias a nivel parroquial [PDF]
VISOR SIX-WEB
EXPERIENCIAS INSPIRADORAS DE NOVOS ENTRANTES
- Catro novos entrantes no mundo agrario explican en primeira persoa a súa experiencia nos sectores hortícola, produción de carne (caprún) e lácteo (Labrecos, granxa Val de Conso e as cooperativas A Meixoeira e A Estruga).
Cal é o papel da Fundación Juana de Vega neste proxecto?
A Fundación Juana de Vega, ademais de participar en todas as accións do proxecto, foi a encargada de elaborar a Guía e Inventario de recursos de apoio aos novos entrantes [ver en PDF] e de identificar os posibles itinerarios seguidos por estes NE na súa incorporación á actividade agraria.
Financiamento
O Grupo Operativo TERRACTIVA estivo financiado polas axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.
O proxecto contou cun orzamento de 177.644,29€.

Duración
1 de outubro de 2022 a 30 de setembro de 2024
Datos de contacto
Web: https://terractiva.es