
GREENSEED é un proxecto europeo de cooperación transfronteiriza que impulsa o emprendemento en bioeconomía en Galicia e no Norte de Portugal. Reúne administracións públicas, universidades e entidades especializadas en desenvolvemento rural co obxectivo de reforzar o apoio ás persoas emprendedoras e transformar o potencial dos recursos do territorio en novas oportunidades de desenvolvemento sostible no rural.
A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal comparte oportunidades e desafíos no ámbito da bioeconomía. O territorio conta cunha ampla dispoñibilidade de recursos agrogandeiros, forestais e bioenerxéticos, pero afronta retos como a necesidade de diversificar a actividade económica, favorecer a remuda xeracional e mellorar o ecosistema de apoio ao emprendemento. GREENSEED dará resposta a estes desafíos mediante enfoques innovadores que conectan coñecemento, experiencia e recursos, co propósito de converter a bioeconomía nun motor de desenvolvemento económico, social e ambiental para as zonas rurais de Galicia e do Norte de Portugal.
Durante o seu desenvolvemento, ata setembro de 2028, o proxecto traballará especialmente nos sectores agrogandeiro, alimentario, forestal e bioenerxético, así como noutras actividades que xeran valor a partir do aproveitamento sostible dos recursos. Para iso, promoverá a cooperación entre administracións, universidades, centros de investigación, empresas e persoas emprendedoras, favorecendo un contorno máis dinámico, innovador e conectado a escala transfronteiriza.
Quen somos?
O proxecto articúlase a través dun consorcio formado por tres socios galegos e tres portugueses, con ampla experiencia en emprendemento, bioeconomía e desenvolvemento territorial.
Socios de Galicia:
▪️ Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia (líder)
▪️ Instituto Universitario de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER, USC)
▪️ Fundación Juana de Vega
Socios de Portugal:
▪️ Comunidade Intermunicipal do Alto Tâmega e Barroso (CIMAT)
▪️ Associação de Desenvolvimento da Região do Alto Tâmega (ADRAT)
▪️ Instituto Politécnico de Bragança (IPB)

Como imos alcanzar os nosos obxectivos?
GREENSEED desenvolverá unha metodoloxía innovadora que combinará análise estratéxica, formación especializada, asesoramento, experimentación e cooperación para ofrecer un acompañamento integral ás persoas emprendedoras e ás entidades que traballan con elas.
Entre as principais actuacións destaca a identificación e conexión dos axentes que forman parte do ecosistema de apoio ao emprendemento en Galicia e no Norte de Portugal, favorecendo o intercambio de coñecemento, a difusión de boas prácticas e a creación dunha rede estable de colaboración. Paralelamente, poñerase en marcha unha academia transfronteiriza para formar profesionais especializados en bioeconomía e desenvolverase un banco de recursos e ferramentas que permitirá mellorar os servizos de asesoramento ás persoas emprendedoras.
O proxecto impulsará tamén programas de formación e mentoría para persoas emprendedoras, espazos de experimentación onde poderán validar e optimizar os seus modelos de negocio, así como ferramentas dixitais innovadoras, entre elas a plataforma Data Terra, concibida como un espazo compartido de datos, recursos e boas prácticas ao servizo do emprendemento en bioeconomía. Ademais, promoveranse programas de mobilidade e intercambio entre Galicia e o Norte de Portugal para favorecer a transferencia de coñecemento e a xeración de novas alianzas.
Con este enfoque, GREENSEED aspira a consolidar unha estrutura transfronteiriza máis sólida, conectada e innovadora, capaz de acelerar a creación de novas iniciativas empresariais, fortalecer a competitividade do medio rural e contribuír a unha transición ecolóxica baseada no aproveitamento sostible dos recursos do territorio.
Cal é o papel da Fundación Juana de Vega neste proxecto?
A Fundación Juana de Vega é a entidade coordinadora das actividades vinculadas á capacitación e á promoción do ecosistema territorial de apoio ao emprendemento en bioeconomía (ETEB). Ademais, encárgase da captación e acompañamento de proxectos en bioeconomía e do desenvolvemento dun programa de mobilidade para persoas emprendedoras, orientado a fomentar o intercambio de coñecemento entre Galicia e o Norte de Portugal.
Programa financiador
GREENSEED está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do programa Interreg VI A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.
Duración
01/10/2025 - 30/09/2028 (36 meses)
Orzamento total
1.130.235,57€