O Foro Territorio Rural Resiliente é unha iniciativa independente impulsada desde a sociedade civil que busca contribuír a un rural máis dinámico, resiliente e preparado para afrontar os retos demográficos, económicos e ambientais, a través dunha mellor ordenación e xestión do territorio.
Para iso, a iniciativa promoveu un proceso participativo no que especialistas de diferentes ámbitos analizaron os principais desafíos do rural galego e formularon propostas de acción. Desta forma, máis de 120 persoas expertas colaboraron nas seis mesas de traballo que abordaron temas relevantes arredor da visión territorial.
O Foro Territorio Rural Resiliente parte da constatación de que o territorio galego experimentou profundas transformacións no último medio século: a concentración da poboación, a perda de actividade agraria, a expansión forestal sen planificación e a incidencia de lumes son algúns dos factores obrigan a repensar a organización e a xestión do rural.
Ante estes retos, é necesario consolidar unha visión estratéxica de ordenación territorial, afianzar os avances en xestión de terras e impulsar a rexeneración agraria do territorio, conservando e potenciando os seus valores ambientais.
Obxectivos
O obxectivo principal do Foro Territorio Rural Resiliente é contribuír á mellora da ordenación e xestión territorial no medio rural en Galicia, e axudar así a crear un territorio rural máis activo, resiliente ao lume e preparado para afrontar os retos económicos, demográficos, climáticos e ambientais.
Os obxectivos específicos son:
- Avanzar nunha visión territorial resiliente e xusta, mediante a cohesión dos axentes e organizacións claves no ámbito.
- Realizar unha diagnose da vulnerabilidade do territorio fronte aos incendios.
- Reflexionar sobre o estado dos instrumentos de ordenación e xestión territorial, con foco nos usos agrarios no rural.
- Mellorar a coordinación público-privada e institucional na posta en marcha de políticas de ordenación e xestión territorial.
- Visibilizar experiencias de éxito na recuperación da xestión do espazo rural.
Quen somos
O Foro Territorio Rural Resiliente está organizado pola Fundación Juana de Vega e o Laboratorio do Territorio da USC (LaboraTe), coa colaboración da Fundación RIA, a Fundación Roberto Rivas e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
Mesas de traballo
O traballo previo do Foro estruturouse en seis mesas de traballo que contaron coa implicación de persoas expertas e representantes de diferentes sectores profesionais e organizativos vinculados ao rural galego.
As mesas de traballo foron o núcleo do proceso preparatorio e participativo do Foro. Serviron para identificar problemas, analizar ferramentas e políticas existentes e propoñer liñas de actuación que poidan contribuír a unha mellor xestión do espazo rural.
Cada mesa abordou unha temática clave:
- Mesa “Visión estratéxica do territorio rural”.
- Mesa “Ordenación de usos e instrumentos de planificación no rural”.
- Mesa “Mobilización e xestión activa do espazo agroforestal”.
- Mesa “Persoas, poboación e actividades no rural”.
- Mesa “Gobernanza e cooperación público-privada para a ordenación territorial”.
- Mesa “Comunicación e concienciación social”.
Evento do Foro Territorio Rural Resiliente
O Foro Territorio Rural Resiliente celebrou o 28 de maio de 2026 na Cidade da Cultura (Santiago de Compostela) o seu gran evento de balance e propostas. O interese e a asistencia de máis de 200 persoas procedentes de ámbitos profesionais, académicos, institucionais e sociais vinculados ao territorio rural galego demostrou que “o futuro de Galicia pasa polo futuro do rural”.
O encontro serviu para presentar os resultados do proceso participativo desenvolvido durante os tres meses previos, nunha xornada estruturada arredor de tres grandes bloques temáticos que recolleron as principais conclusións e medidas identificadas no proceso.
O primeiro centrouse na xestión activa do territorio, as persoas e as actividades económicas, no que se presentaron experiencias inspiradoras como Ramats de Foc, Movegandex, a cooperativa Horsal e a Fundación TerrEo, de Ribeira de Piquín. No segundo bloque contouse coas contribucións dos alcaldes de Larouco (Ourense) e Curtis (A Coruña). A comunicación e a construción dun novo relato sobre o rural protagonizaron o terceiro bloque do evento, que concluíu cunha dinámica participativa orientada á identificación de prioridades estratéxicas.
A apertura do acto foi a cargo de Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega, e Rosa Crujeiras, reitora da Universidade de Santiago de Compostela. José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, presentou os obxectivos do Foro e as principais liñas estratéxicas identificadas de maneira colaborativa durante o traballo previo. A xornada contou tamén coa participación institucional de José González, conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, e de Rocío Huerta, directora xeral de Gandería e Sanidade Agraria do Principado de Asturias, quen compartiu a experiencia do Pacto polo Medio Rural asturiano.
Alianza para un Territorio Rural Resiliente
Un dos principais resultados do Foro foi impulsar a Alianza para un Territorio Rural Resiliente, unha rede aberta e inclusiva de colaboración que nace coa vocación de sumar esforzos para avanzar cara a unha ordenación e xestión máis activa, sostible e corresponsable do territorio rural galego.
A Alianza reúne persoas, entidades, profesionais, administracións públicas, organizacións territoriais, centros de coñecemento e iniciativas privadas que comparten a necesidade de buscar e aplicar solucións para construír un novo futuro do rural. As entidades e persoas adheridas manifestan a súa vontade de establecer un marco de colaboración estable e operativo que contribúa á mellora da ordenación territorial e á xestión activa do espazo agroforestal en Galicia.
A súa folla de ruta recolle o coñecemento e as propostas xeradas polas seis mesas de traballo do Foro, estruturadas en liñas estratéxicas a partir das que se promoven medidas e actuacións concretas.
A Alianza artéllase arredor de oito grupos de acción:
- Diálogo e cooperación coas administracións públicas.
- Apoio técnico, colaboración, dinamización e creación de redes de iniciativas agrarias.
- Remuda xeracional no agro.
- Ordenación de usos agroforestais.
- Reforzo de cadeas de valor locais.
- Enfoque agroecolóxico, servizos ecosistémicos e sostibilidade ambiental.
- Comunicación e concienciación social.
- Acceso á vivenda no rural.
A Alianza constitúe un espazo permanente de cooperación e un chamamento á corresponsabilidade colectiva na construción dun territorio rural vivo, dinámico e resiliente.
As persoas e entidades interesadas poden adherirse á Alianza, xa sexa para amosar o seu apoio á iniciativa ou para participar nos grupos de acción. A información está dispoñible na páxina web: https://foroterritoriorural.gal/alianza/
