Fundación Juana de Vega e a Fundación Blas de Ponte de Outeiro asinaron un convenio de colaboración para a realización dun estudo de mellora e potenciación dos valores paisaxísticos de parte do concello de Castro de Rei, vinculados aos camiños históricos e a súa conexión co propio núcleo de Castro de Rei, nun contexto de zona agrícola, poboación dispersa e pequenos núcleos.
A área a estudar abarca desde o núcleo de Rigueira/Reigos pasando por Gondriz, Marquide e O Pozo ata chegar a Ponte de Outeiro, onde o Camiño Real cruza o río Miño e a partir de aí abarca os núcleos de Baltar, Covelo, Sandamil, Veiga de Acea e terminaría en Acea por onde cruza o río Azúmara e xa en dirección Este, seguindo en paralelo ao río Azúmara, abarcaría ata Castro de Rei.

A proposta Paisaxística exporía a mellora dos valores paisaxísticos como dinamizadores da zona a partir de dous tipos de actuacións:
- Analizar os valores naturais, os elementos construídos, os viarios, accesos e percorridos, os elementos relacionados con presénciaa da auga, os elementos arqueolóxicos, e os elementos patrimoniais
- Propoñer arborar, potenciar as zonas de auga, potenciar os puntos estratéxicos paisaxísticos, mellorar os peches: vexetais e/ou artificiais, mellorar os camiños, mellorar os accesos, mellorar e crear espazos públicos, e potenciar os valores arqueolóxicos, e os patrimoniais, tanto naturais como artificiais.
No mes de novembro de 2013 presentouse o estudo inicial e as propostas de actuación para a mellora e potenciación dos valores paisaxísticos do concello de Castro de Rei. Este documento inicial inclúe a definición do ámbito de actuación, a análise do mesmo, os puntos de actuación posibles e o establecemento de prioridades de execución das melloras paisaxísticas para cada un dos tramos estudados.
En xullo de 2016 presentouse a Guía de Boas Prácticas Paisaxística na Terra Chá co obxectivo de aproximar á poboación da Terra Chá á súa paisaxe, descubrir con ela o seu valor e propoñer recomendacións nas intervencións sobre os elementos do territorio que axuden a un desenvolvemento sostible do medio rural e á súa mellora paisaxística, contribuíndo á revitalización patrimonial e socioeconómica da contorna. Así, propón fórmulas para atopar o equilibrio entre o desenvolvemento e a conservación dun valioso patrimonio tradicional e natural, acadar a integración harmoniosa do conxunto, onde as edificacións, cultivos e espazo público poidan ser lidas como unha unidade, e mesmo entender as especificidades da paisaxe da zona e a súa relación cos elementos construídos. O documento remata cun decálogo de boas prácticas e recomendacións específicas co fin de contribuír a que a integración paisaxística se desenvolva dun xeito sinxelo e de calidade.