A Fundación Juana de Vega participa como entidade colaboradora no proxecto piloto para a elaboración sostible de tepes para xardinería, paisaxismo e restauración ambiental, financiado polo FEADER no marco das axudas para o apoio de proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal 2019.
Entidade beneficiaria: A Man de Prado S.L.U.
Entidades colaboradoras: Arborejardin S.L.U.; Universidade de Santiago de Compostela, Fundación Juana de Vega e Orgánica de Sustratos S.L.
Obxectivo do proxecto
O proxecto ten por obxectivos a elaboración de tepes para tres usos distintos: cubertas verdes extensivas, taludes e xardíns tipo macizo de alto valor engadido.
Na actualidade é preciso a execución de obras de xardinería e paisaxe utilizando vexetación da mellor calidade posible para ser máis competitivos. Dentro dos parámetros de esa calidade destacan o seu tamaño e a optimización das súas características ornamentais. A posibilidade de dispor de estruturas como tepes, xa desenvolvidas, con planta crecida e no punto óptimo para a instalación dará resposta á demanda e aumentará as oportunidades de éxito deste tipo de obras, reducindo, ademais, os custes de mantemento.
O proxecto terá beneficios de tipo económico pola mellora da competitividade empresarial. Permitirá poñer no mercado produtos pouco desenvolvidos, impulsando ó sector viveirístico galego. Para as empresas de xardinería supón a posibilidade de entregar obras de máis calidade, reducir tempos de instalación e os custes de mantemento. Tamén implicará beneficios ambientais a varios niveis: redución das plantas adventicias e a necesidade de uso de herbicidas nas obras de xardinería; uso de substratos de natureza renovable e sostible no canto de turba; redución da perda de solo en taludes revexetados, mellora da eficiencia enerxética de edificios nos que se instalan cubertas axardinadas,…
Duración proxecto
Data: 06/03/2019 - 30/09/2022
Para o seu desenvolvemento, fíxanse o seguintes fitos:
Fito 1: Escolla de plantas para tepes adaptadas a diferentes contornas.
Fito 2: Avaliación e selección das plantas.
Fito 3: Estudo e elaboración do medio de enraizamento/soporte para os distintos tepes.
Fito 4: Estudo da produción de cada tipo de tepe.
Fito 5: Avaliación do comportamento dos tepes en obras reais de xardinería.
Fito 6: Estudo conclusivo da produción e utilización dos tepes e difusión de resultados. Estudo de mercado e inclusión do formato tepe na norma de calidade de planta ornamental de Galicia.
Metodoloxía
Utilízanse diferentes metoloxías aínda que o máis interesante e vistoso de contar é a avaliación do crecemento da masa foliar mediante análise de imaxe para determinar a cobertura foliar dos tepes.
Resultados preliminares
Nos invernadoiros da USC desenvolveuse unha estrutura de tepe que arroxa moi bos resultados para a propagación por estaquillado de moitas especies estudiadas. O enraizado das plantas seleccionadas na estrutura é adecuado, conseguindo ademais tepes perfectamente transportables sen risco de perda de planta nin de substrato. Esta estrutura é multicapa e consiste de abaixo a arriba nunha manta de fibra de coco, nunha capa de substrato a base de materiais sostibles de compost de codia de piñeiro, humus de codia e fibras de madeira e estaquiñas de diferentes especies de plantas adaptadas aos 3 usos buscados: cubertas verdes axardinadas, taludes e xardíns convencionais. Polo momento seleccionáronse un total de 15 especies de plantas tanto comerciais como recollidas da contorna, que enraízan adecuadamente a través de multiplicación por estaquillado sen necesidade de empregar hormonas, e que proporcionan coberturas rápidas para a formación óptima de tepe. Algunhas destas especies son do xénero Sedum, Lisimaquia, Soleirolia, Heder, Coleus, Delosperma e outras aromáticas como menta, ourego ou tomiño.
Durante os anos 2020-2021, avaliouse o comportamento dalgunhas das especies seleccionadas en mestura e na formación de tepe en condicións reais de produción en viveiro.
Realizáronse ensaios de formación do tepe por semente no invernadoiro da USC de 6 especies diferentes: Zinnia, Fragaria vesca, Lobularia maritima, Tagete, Calendula e Capuchina, especies interesantes tanto desde o punto de vista de reservorio de inimigos naturais como de fauna útil.
Os tepes formados no viveiro foron levados na primavera de 2021 a ensaios en obras reais para comparar o establecemento do tepe coa forma tradicional de transplante de mudas enraizadas, especificamente para:
- Cubertas verdes.
- Restauración ambiental: en ladeiras cunha pendente aproximada do 30-40%.
- Xardinería convencional.
Durante o 2020 estase a avaliar o comportamento dalgunhas destas especies en mestura e tamén a formación de tepe en condicións reais de produción en viveiro de produción de plantas.