O proxecto ECOCOMEDORES xurdiu en 2015 como unha alianza entre varios centros escolares e a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas para potenciar o consumo de produtos ecolóxicos, de tempada e de proximidade. Sumáronse despois a EIM A Caracola e a Fundación Juana de Vega.
Entre 2020 e 2022 traballouse na consolidación dos comedores escolares adscritos en 2015, incorporando comedores colectivos de empresa. Creouse tamén unha plataforma de compras virtual da man de Plant on Demand, na que se centralizan os pedidos de horta ecolóxica, e levouse a cabo un exitoso acompañamento nutricional a centros escolares para favorecer cambios nos menús, elaboración de fichas técnicas e novos pratos.
A Fundación Juana de Vega incorpórase a este proxecto en 2023 para continuar avanzando e dinamizando o apoio ao sector produtor para incrementar o consumo de alimentos ecolóxicos de tempada e proximidade reforzando o compromiso entre centros educativos e produtores/as e implicando ás administracións públicas no proceso.
Obxectivos
- Consolidar o subministro de produto ecolóxico, local e de tempada nos comedores colectivos participantes (10 centros escolares (1.860 comensais), comedores de empresa a través do apoio cara á mellora de todos os elos da cadea (cultivo/produción, organización, loxística e distribución, centros de consumo e público en xeral).
- Avanzar no proceso por medio da incorporación de novos produtores e puntos de consumo.
- Exercer como elemento catalizador e de divulgación cara a outros territorios da contorna coa implicación de entidades como o conxunto de Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia ou as administracións a nivel local, provincial e autonómico.
Quen somos?
O proxecto está lidera pola Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos que se funda en 2008 para impulsar o desenvolvemento do seu territorio, xestionando desde 2009 o programa Leader (2014-2020 e 2023-2027) e desde 2013 a Reserva de Biosfera “Mariñas Coruñesas”.
Tamén participa a Escola Infantil A Caracola (A Coruña) que leva máis de 10 anos alimentando ao seu alumnado con produtos ecolóxicos e a nosa Fundación Juana de Vega.
Como imos abordar os obxectivos?
Acción 1. Establecemento dun modelo de gobernanza baseado nunha mesa participativa conformada por entidades implicadas no proxecto e administracións locais e autonómicas.
Acción 2. Apoio técnico e operativo aos/as produtores/as ecolóxicos para aumentar a superficie cultivada con novas incorporacións e optimizar a planificación conxunta da oferta adaptada á demanda.
Acción 3. Acompañamento aos comedores colectivos para organizar e resolver carencia e necesidades atopadas, favorecendo o intercambio entre a produción e os centros.
Acción 4. Estudo de viabilidade económica e sustentabilidade a longo prazo do proxecto incluíndo melloras na recollida, provisión e distribución.
Acción 5. Visita a experiencia demostrativa ao proxecto Horta Cuína- Ecotira en Valencia.
Acción 6. Elaboración de materiais de divulgación do proxecto.
Cal é papel da Fundación Juana de Vega neste proxecto?
A Fundación Juana de Vega será a encargada de dar acompañamento e asesoramento aos produtores na planificación conxunta da produción para a demanda existente nos centros educativos, así como na mellora dos procesos loxísticos, de provisión e distribucción do proxecto. Tamén xogaremos un papel relevante na dinamización da mesa de gobernanza.
Programa financiador
O proxecto conta co apoio da Fundación Daniel y Nina Carasso, a través da convocatoria Alimentación Sostenible 2023- Del campo a la mesa.
Duración
3 anos (outubro 2023 a outubro 2026)
Orzamento
119.440,00€. Financiado ao 58,60% pola Fundación Daniel y Nina Carasso.