A exposición La esencia del jardín: Leandro Silva nace a partir da doazón do chamado Legado Silva que a súa viúva, Julia Casaravilla, lle fai á Escola Técnica Superior de Arquitectura da Politécnica de Madrid (ETSAM) no ano 2004.
O Legado Silva inclúe proxectos, fotografías, textos, anotacións, pinturas, trazos e pensamentos, amais doutros documentos que contextualizan a traxectoria do paisaxista Leandro Silva. Esta documentación preciosa, no máis amplo senso da palabra, achéganos ao seu xeito de entender a paisaxe como experiencia non só profesional senón tamén vital.
A partir desta doazón, no ano 2011 a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Politécnica de Madrid organizou a exposición Imaginar jardines. El legado de Leandro Silva da que foron comisarios Miguel Ángel Aníbarro, Alberto Sanz Hernando e Margarita Suárez Menéndez. Nesta exposición, que constitúe o punto de partida da mostra que aquí presentamos, deuse a coñecer publicamente por primeira vez a documentación do Fondo Silva, co fin non só de divulgar a súa obra, que merecería unha exposición moito máis extensa, senón tamén para dar a coñecer o mundo profesional do paisaxismo e toda a riqueza que este mundo pode encerrar.
É moi importante para a Escola Galega da Paisaxe que esta exposición, que pretende ser itinerante, se realice por primeira vez no Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela, xa que supón a confirmación pública da relación íntima, real e necesaria entre o paisaxismo e a arte.
A Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega inclúe nesta exposición, ademais de varios dos documentos do Legado Silva e doutras obras e autores, un vídeo orixinal gravado no xardín privado que Leandro Silva construíu, plantou e coidou en Segovia desde 1971 ata o final dos seus días: o Romeral de San Marcos.
Presentación actual
Pontevedra
Presentado en:
- Santiago de Compostela
- A Coruña
Próxima exposición
- Vigo
- Ourense
- Segovia: el Romeral de San Marcos

