O xardín ocupa o baleiro producido pola paralización definitiva das obras do edificio do Teatro da Ópera, que se prevía construír no Centro da Cidade da Cultura.
O proxecto parte da situación na que se atopaba a zona no momento da paralización das obras: un burato de 9.800 m2 de superficie e máis de 20 m de profundidade, con diversas partes da estrutura xa construída. Estes elementos incorpóranse ao xardín, atendendo a criterios económicos e ecolóxicos, pero tamén á preservación dunha memoria aínda próxima.
A rocha procedente da escavación do burato do edificio reutilízase para a construción dos muros de contención e a auga que nace no fondo do burato incorpórase para formar tres estanques.
O elemento central do xardín é un teatro ao aire libre, que recupera a escena como punto central da Cidade da Cultura. A relación cos edificios construídos e a urbanización establécese a través da incorporación do tartán —a dobre trama reguladora do proxecto de Eisenman— como trama que define os bosquetes de distintas especies arbóreas.
A proposta desenvólvese en estratos sucesivos sobre a topografía artificial do burato. En primeiro lugar, as ramplas, escaleiras e sendeiros, que salvan o desnivel entre as rúas do perímetro e o nivel más baixo do burato. En segundo lugar, as zonas de actividades: teatro ao aire libre, skate, rocódromo, parkour e áreas de descanso. Por último, as árbores que, coas súas cores cambiantes, establecen a imaxe do xardín visible dende o nivel superior das rúas que o rodean.
No xardín reúnense especies caducifolias procedentes de rexións do mundo con climas temperados ou oceánicos, establecendo a través da botánica un vínculo con outras zonas do mundo cunhas condicións climáticas equiparables ás de Galicia.