Xardín de polinizadores Fernando Fueyo (Negueira de Muñiz)

Categoría:

Autores: Asociación Corripa

Promotor: Asociación Corripa

O país das abellas silvestres

Entre a paisaxe escarpada de Pena da Nogueira, mirando desde as alturas ao río Navia e lindando coas terras de Asturias, atópase este lugar onde os insectos teñen casa propia. En 2022, a Asociación Corripa transformou catro fincas abandonadas, localizadas en plena Reserva de Biosfera Oscos, Eo e Terras de Burón, no primeiro xardín para polinizadores silvestres da provincia de Lugo.

Trátase dun escenario que émoito máis ca un refuxio de flores. É un fogar para abellas, abellóns, avespas de serra, moscas florícolas, bolboretas, avelaíñas e escaravellos florícolas que, co seu labor, manteñen a vida da maior parte dos ecosistemas naturais. Grazas a eles, as árbores producen froitos que serven de alimento a centos de aves e mamíferos. Ata agora, Corripa leva identificadas máis de catrocentas especies diferentes de polinizadores, das cales, 151 son abellas silvestres.

O espazo foi restaurado con moito agarimo. Reconstruíronse os muros de pedra seca, creáronse puntos de auga constante, instaláronse os refuxios para os insectos e plantáronse centos de especies de flora que atrae aos polinizadores. Os 3.500 m² divídense en varios espazos nos que atopar plantas aromáticas e ornamentais, unha pradeira e froiteiras, especies forestais, unha sebe de baga e unha última área destinada a variedades locais de hortícolas.

Cada planta leva un cartel ilustrado por Fernando Fueyo (1945-2022), un referente internacional da pintura naturalista e o artista que dá nome a este lugar.

O xardín recibe a preto dun milleiro de visitantes ao ano, entre escolares, investigadores e amantes da natureza que atopan aquí un recuncho para aprender e inspirarse.

Valoración do xurado
O xurado do Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe 2025. Categoría Espazos exteriores valorou o esforzo dunha asociación privada para o desenvolvemento dun xardín didáctico dedicado aos polinizadores, expoñendo a riqueza entomolóxica, a herpetoloxía e as variedades vexetais locais. O proxecto representa un modelo de apoio biolóxico para as masas arbóreas e arbustivas próximas, permitindo unha mellora na súa custodia e conservación. Os expertos tamén destacan o enfoque docente da proposta, con rutas para os máis novos para, dunha forma accesible e lúdica, ensiñarlles bioloxía, biodiversidade e apicultura tradicional.

Un espazo único que une natureza, ciencia e arte para protexer aos polinizadores e achegar a biodiversidade a todas as persoas.

Ver aquí os paneis de todos os galardoados no Premio da Paisaxe 2025. Categoría Espazos exteriores >>

Share