A casa reitoral de Santa María de Olives emprázase nunha ladeira con pendente este oeste, con vistas cara ao val de Tabeirós, protexida no seu lado oriental polos montes que separan os termos municipais da Estrada e Silleda. A data da súa construción descoñécese, aínda que no portalón de entrada á leira aparece gravada unha cifra que nos remite á súa posible orixe: 1802.
A parcela está dividida en dúas zonas por un muro que continúa a fachada oeste da casa. A zona ao este do muro está ocupada polas edificacións e os seus espazos exteriores máis inmediatos. Á beira oeste do muro aparece un espazo libre de construcións, dedicado orixinalmente a uso agrícola.
A planta da casa é de gran claridade, muros resistentes de mampostería definen seis estancias en cada unha das súas dúas plantas, todas dunha superficie aproximadamente similar. Ademais, esas estancias comunícanse entre si sen que sexa necesaria a existencia de corredores, o que lle dá á casa unha especial sinxeleza e nobreza. Eses atributos transmítense tamén no seu exterior, non existen balcóns, nin galerías, nin elementos representativos, só a espadana no eixo da fachada norte aparece como elemento ornamental ou simbólico, e di algo do seu destino de casa curial.
O proxecto de rehabilitación non modifica apenas a configuración estrutural da casa, disponse o novo programa de forma que poida reducirse ao máximo a tabiquería, potenciando a presenza da estrutura portante e espacial actual. A planta baixa utilízase para os espazos de estar, cociña e anexos a esta, de forma que o programa introdúzase con naturalidade na estrutura de estancias da casa, sen fragmentarlas. A planta primeira destínase a dormitorios e zonas de baño, que se distribúen na planta dunha forma análoga ao descrito para a planta baixa, introducindo os novos usos na estrutura de muros, de tal forma que se poida recoñecer a súa orde primitiva con claridade.
A xunta construtiva que se observa nas fachadas norte e sur fai pensar que a casa tivo polo menos dous estadios construtivos. Historicamente, as construcións adaptáronse aos usos, que loxicamente cambian co tempo. Esa capacidade de adaptación da construción ao uso mantense na nosa intervención. Ademais o uso adáptase tamén á construción, asumindo as súas faltas e imperfeccións.
Utilízanse técnicas de construción que se apoian na man, e nos oficios tradicionais da construción: recupéranse e consolidan os muros de mampostería con pedra da propia casa, reutilízanse materiais de derriba como tella e vigas de madeira, as técnicas de revestimento tamén son tradicionais, pois se utilizan morteiros de cal para as paredes, e pinturas baseadas en pigmentos naturais, latex e cal, os chans son dehormigón e madeira de carballo recuperado, e os tabiques fanse con táboas pintadas de piñeiro.
O volume orixinal da casa non se modifica e a intervención no seu exterior é mínima. Limítase ás fachadas sur e oeste, modificando as proporcións orixinais de catro xanelas, para conceder máis luz á planta baixa. A pedra que constrúe as fachadas mantense como estaba, renúnciase á intervención ou limpeza algunha, para non interromper o labor continuo do tempo.
Nos espazos exteriores á casa redúcense os movementos de terra ao necesario para crear unha área de acceso e aparcadoiro para os coches, no norte da vivenda, e un pequeno patio ao sur que amplía cara ao exterior a vida da casa, desde o que se adiviña ao fondo e entre as árbores, o campanario da igrexa parroquial. Recupérase o espazo dunha antiga eira de lousado de granito e libéranse os cursos de auga que chegan á casa coa recuperación dun antigo lavadoiro e a construción dunha pequena alberca, de forma que a presenza da auga contribúa a ordenar formalmente tamén os espazos de xardín.