Ecosistema para a aprendizaxe
Este proxecto de rexeneración ecosistémica céntrase nun patio de xogos para Educación Infantil e xorde da reflexión de que toda intervención debería nacer, crecer e florecer en interacción cos seres que van habitar os espazos sobre os que se intervén. A súa esencia é, ademais, especialmente importante ao tratarse dun ámbito educativo.
Os autores deseñaron un proceso integral que uniu o proxecto paisaxístico coa participación activa da comunidade escolar. Comezouse cunha formación para o profesorado para que comprendese o valor dun espazo naturalizado e puidese integralo no currículo. Despois, realizáronse obradoiros con familias e alumnado, achegándolles o coñecemento do medio e ferramentas de permacultura.
Este tipo de manexo agrícola serviu non só como técnica de deseño ecolóxico, senón tamén como ferramenta pedagóxica que lle achegou aos máis cativos aos principios éticos do respecto e de observación activa da natureza.
O patio converteuse nun espazo importante, nun ecosistema de aprendizaxe onde o xogo e a curiosidade provocan o coñecemento.
Alumnado, profesorado e familias séntense agora parte dun ecosistema que aprenden a coidar, observar e transformar. Este proxecto busca reconectar á infancia cunha contorna rica e biodiversa, corrixindo o déficit de natureza e promovendo a aprendizaxe vivencial e a ecoalfabetización.
Valoración do xurado
O xurado decidiu recoñecer cunha mención especial o Proxecto paisaxístico de recuperación ecosocial no patio escolar do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé pola integración dun espazo biodiverso nun colexio público. É unha firme aposta pola biofilia e por ofrecer espazos para a interacción neno-natureza. Os expertos destacaron o deseño, a incorporación de agrupacións arbustivas diversas e o uso da permacultura.
Este é un espazo naturalizado onde nenos e nenas, familias e profesorado aprenden xuntos, exploran, xogan e coidan o medio, creando unha aprendizaxe significativa.
