Premio

Hotel Acouga – Celanova (Ourense)

Autores: MOL Arquitectura (Muiños + Otero + López Arquitectura)

Casa da poesía

Acouga é unha casa chea de memoria. Un edificio polo que pasaron infinidade de cidadáns de Celanova e a súa comarca. Despois dunha restauración minuciosa e respectuosa co edificio orixinal e coa contorna histórica na que está situado, abriu as súas portas para recibir os visitantes que buscan  acougo ou descanso entre os seus muros.

Para reescribir unha nova páxina na historia deste fermoso edificio, situado a poucos metros da capela mozárabe de San Miguel, realízase unha sentida homenaxe aos poetas celanovenses, colocando, en cada unha das habitacións que alberga esta infraestrutura hostaleira, un poema dos moitos autores que naceron nesta vila milenaria de San Rosendo: Manuel Curros Enríquez, Castor Elices, Celso Emilio Ferreiro, Xosé Velo Mosquera, Xosé Luís Méndez Ferrín, Paulino Vázquez e Baldo Ramos.

Poemas escollidos para celebrar a reapertura dunha casa con máis de cen anos de historia, pero tamén para celebrar as palabras dos que volvemos a este lugar seguindo os camiños do reencontro e a literatura, como a vida feita palabras. Celanova sempre será esa nai que nos espera.

Na reforma do hotel perseguiuse o equilibrio entre materiais tradicionais e o emprego de sistemas construtivos actuais, simplificando o número de solucións construtivas para conseguir unha intervención sostible e integrada na contorna do centro histórico de Celanova.

A organización do xardín traseiro, onde a auga, a vexetación e a luz son as verdadeiras protagonistas do patio e da terraza exterior, converten esta zona no principal espazo de goce. O proxecto partiu da eliminación de todos os volumes alleos á construción orixinal e a unha  propostta de patio tradicional. En canto a vexetación, optouse por árbores como a cerdeira anana, o liquidámbar, arces xapónicos, buganvileas, e tamén por prantas aromáticas como o romeu, a lavanda e o asubiote.

Recupérase o antigo pozo coa limpeza e coa incorporación da auga e da iluminación, ao igual que o pío tradicional. O espazo do salón semiaberto, é un parral bioclimático para o control solar. Na urbanización, a materialidade redúcese ao enlousado de pedra recuperada e ao ferro corten.

Share