Desde a súa inauguración en 2009, o galardoado restaurante Culler de Pau foi dando pasos adiante para unir cociña e investigación a través da súa horta ecolóxica, que tamén é un proxecto de recuperación produtiva e paisaxística.
Tomando como referencia as fotografías dun voo americano dos anos 50, foron habilitando unha parcela de 2.500 m2 aos pés do edificio principal. Primeiro creouse a zona de cultivo e despois (2022) un invernadoiro e un bosque comestible.
Privilexiada é a situación do invernadoiro. A escasos metros da ría de Arousa, é unha estrutura diáfana de cristal, madeira e aceiro que convive en harmonía coa horizontalidade dos bancais nos que medran máis de 200 cultivos. Desde novas variedades o outras que xa formaban parte do ecosistema do restaurante ou sementes autóctonas recuperadas en colaboración coa Misión Biolóxica de Galicia (CSIC) como a cebola de Vilanova, o chícharo bágoa, o liño ou o millo corvo, de cor negra.
O invernadoiro, dividido en zona de comedor-reunión e zona de investigación-cultivo, é unha construción lixeira e permeable e incluso, desmontable. A regulación da temperatura e da humidade faise mediante portas corredeiras e xanelas automatizadas na cuberta, conseguindo unha ferramenta de control científico dos elementos naturais. A choiva recóllese para reutilizala na rega e na fonte de cultivos hidropónicos, que tamén é un espazo de encontro para a veciñanza, os produtores, o persoal e os comensais de arredor do fluxo continuo da auga.
Un ciclo completo, desde o plantado ata o tratamento dos residuos nos composteiros dun espazo produtivo rural que mira ao Atlántico.
Valoración do xurado
Firmado polo estudio Prieto Patiño Arquitectura, o xurado valorou a actuación dun equipo multidisciplinar para recuperar o valor de especies vexetais autóctonas mediante o cultivo nun invernadoiro, construído en madeira, que permite achegar á cidadanía a botánica, a gastronomía e o uso tradicional das plantas, incluído o medicinal. “O deseño do invernadoiro é un exemplo de como a arquitectura e a enxeñería sinxelas poden ofrecer boas solucións”, explicaron.
“O deseño do invernadoiro é un exemplo de como a arquitectura e a enxeñería sinxelas poden ofrecer boas solucións”.
