Onde a memoria eterna se atopa coas árbores
A necesidade de ampliar o cemiterio municipal da Romea medrou ata dar forma aos 32.000 m2da Fraga do Alén. O obxectivo do Concello de Lalín foi crear un espazo aberto e integrador, no que o bosque se introducise no camposanto e se fundise coa paisaxe que o envolve, creando un lugar único.
A nova organización parte do antigo eixo en cruz, ao que se engade unha rede de sendeiros orgánicos que percorren claros e espazos de contemplación. Os novos nichos modulares planeados dispóñense de forma descontinua e intégranse entre a vexetación existente, respectando a topografía natural e promovendo a integración co medio.
Destaca a dobre entrada, a tradicional, fronte á capela restaurada, e outra naturalizada que comunica directamente co bosque. No percorrido aparecen espazos que enriquecen a experiencia, unha escultura en homenaxe ás vítimas da violencia machista, unha área infantil ou un lago-escenario que funciona como espello da natureza e punto de encontro entre recordo, cultura e vida.
A sostibilidade é outro dos piares deste proxecto. Minimízanse as intervencións, emprégase vexetación autóctona, pavimentos drenantes e camiños adaptados a topografía. Ademais, os paneis fotovoltaicos nas cubertas dos antigos nichos permiten a autosuficiencia enerxética.
A Fraga do Alén propón unha nova visión dos espazos funerarios para convertelos en lugares vivos, abertos á paisaxe, onde memoria, cultura e natureza se xuntan.
Valoración do xurado
O xurado decidiu recoñecer cunha mención especial ao proxecto Fraga do Alén pola singularidade, aposta e delicadeza na ampliación e transformación dun cemiterio tradicional. Un exemplo positivo de como se pode ampliar o uso social e integrar ambientalmente un espazo cun uso moi específico como este.
A Fraga do Alén disolve os límites do cemiterio, mesturando arquitectura e bosque, creando unha paisaxe onde memoria, natureza e vida se xuntan.
