Natureza para a comunidade
Nunha das zonas máis poboadas da área metropolitana da Coruña, o Espazo Rosalía Mera é un exemplo vivo de como a natureza volve ocupar o seu lugar. A promotora destinou preto de 20.000 m2 de solo urbano privado á creación dunha gran zona verde aberta á cidadanía, concibida para a sostibilidade, a participación e a inclusión.
Fronte ao modelo urbano tradicional, este proxecto aposta por priorizar o capital natural, fortalecer a cohesión social e fomentar a biodiversidade. O proceso de deseño e construción foi un traballo compartido entre unha entidade ambiental, un estudo de paisaxismo, unha empresa de xardinaría de economía social e a propia promotora, que sumaron tamén o talento local: viveiros da contorna, artesáns locais, unha artista galega ou unha empresa local e familiar de construción.
O espazo naceu respectando a topografía e o solo. Restauráronse muros de pedra e conservouse o ciclo da auga co deseño de estanques, zonas de infiltración e a rehabilitación dun antigo pozo. Instalouse unha iluminación eficiente e, apostando pola economía circular, reutilizáronse materiais da obra para crear refuxios de fauna.
A cidadanía tamén foi parte esencial deste proxecto. Escolas e estudantes participaron en plantacións de arborado, houbo xornadas ambientais coa veciñanza, visitas guiadas con escolas de xardinaría e paisaxismo interesadas no espazo. O resultado é un lugar vivo e compartido.
Valoración do xurado
O xurado do Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe 2025 valorou a filosofía da intervención, a calidade e a sensibilidade no deseño e na execución. Tivo en conta que o Espazo Rosalía Mera pode ser unha inspiración para proxectos similares, poñendo especial énfase na integración de coñecementos transversais. A análise específica da contorna e os seus valores ambientais permitiron situar a biodiversidade, tanto flora como fauna, no epicentro do deseño, sen perder importancia a funcionalidade social e a estética do conxunto. A isto hai que sumarlle o seu carácter eminentemente divulgador de aspectos ambientais e de biodiversidade específica.
Este é un exemplo de colaboración público-privada. Unha parcela edificable transformouse nun parque público para a cidadanía mediante un convenio entre os propietarios e o Concello de Oleiros.
