O Complexo Enoturístico María Manuela xurdiu do soño compartido de Nieves Millán e do seu marido, Moisés Rodríguez tras herdar o viñedo familiar nas ribeiras do Ulla e á beira do Camiño de Santiago (Vía da Prata e Camiño de Inverno) ao que sumaron un bosque con árbores autóctonas.
Como ten contado Nieves: “Este proxecto é un agradecemento ás mulleres do rural, a miña nai e a miña avoa, María e Manuela. É unha demostración de que no rural se poden desenvolver iniciativas con moito futuro e encanto.”
O aloxamento está composto por seis cabanas de madeira elevadas (1 chave) integradas na paisaxe e entre os propios carballos e castiñeiros con vistas ás sete hectáreas de vides de uva albariña amparadas pola D.O. Rías Baixas e á adega na que se procesan. Promoven un turismo especializado con actividades todo o ano (mantemento da plantación, vendima, sendeirismo,…) para dar a coñecer desde dentro o mundo do viño e permitirlle aos seus hóspedes ser protagonistas dos cambios da paisaxe asociados á propia evolución da natureza.
Valoración do xurado
O xurado valorou a filosofía da intervención, a calidade e sensibilidade na execución tanto da adega como das 6 cabanas, a súa adaptación á contorna e a posta en valor dos elementos naturais. Os expertos resaltaron tamén a proposta de salvar unha carballeira natural de gran valor ecosistémico integrando respetuosamente nela as dependencias de aloxamento turístico que gozan dunha contorna biofílica e singular. Neste sentido, o xurado tamén tivo en conta que neste proxecto sobresaen os criterios de sostibilidade e economía de materiais, especialmente a selección e uso de madeiras, o emprego de pés arbóreos nalgunha cabana e o tratamento respectuoso da vexetación a nivel de estrato arbustivo e herbáceo.
“O conxunto viñedo-cabanas-adega-bosque natural é un destacado exemplo de como aproveitar e reforzar o capital natural para construír e integrar no medio
as instalacións dunha empresa, mantendo e potenciando os valores orixinais do espazo”.
