Casa Grande de Xanceda (Mesía)

Autores: Casa Grande de Xanceda

Promotor: Casa Grande de Xanceda

Casa Grande de Xanceda é unha granxa de leite que, ademais de apostar pola produción ecolóxica e a diversificación en produtos eco de alto valor engadido, quere contribuír coa súa actividade á conservación da biodiversidade e a ordenación do territorio. Das 200 hectáreas de terreo que ocupa na actualidade, 75,4 ha están localizadas nas “Fragas e Brañas do Alto Gaiteiro”, declaradas espazo privado de interese natural (EPIN) en 2022 pola Xunta de Galicia.

Na súa aposta constante pola sostibilidade, deron un paso máis para maximizar o uso da auga captada en mananciais naturais, e que empregan no proceso agropecuario e de elaboración de lácteos, para devolvela ao cauce fluvial en óptimas condicións. O novo edificio de depuración integrouse na zona EPIN e foi revestido con materiais naturais para mimetizarse coa paisaxe.

No interior, os tons son claros para aumentar a calidade da luz presente en todos os espazos e sobre as cubertas, as 93 placas solares benefícianse da orientación para captar máis horas de luz. O deseño e as liñas de auga maximizan o uso de procesos biolóxicos pasivos relacionados co tempo de estadía das augas residuais, o que reduce o uso de bombeos, químicos e temperatura, así como o impacto visual.

Os procesos olorosos están confinados nunha zona do edificio principal illados da contorna e do lugar de traballo e tamén se incorporou unha solución para minimizar o ruído.

Valoración do xurado
No caso do novo edificio de depuración de augas da granxa Casa Grande de Xanceda (Mesía, A Coruña), o xurado tivo en conta a transferibilidade do proxecto a outras zonas con necesidades similares. O edificio está integrado no espazo privado de interese natural (EPIN) da explotación gandeira, para o cal, sinalan os expertos, se soubo desenvolver un proxecto que combina innovación na enxeñería con respecto ao medio, en particular a auga, optando por materiais naturais como a madeira. Así mesmo, puxeron en valor a “orixinal solución” para minimizar o son das bombas para interferir o menos posible coa fauna da contorna e protexer a biodiversidade.

“Unha orixinal solución minimiza o son das bombas de depuración e así interferir o menos posible coa fauna da contorna e protexer a biodiversidade”.

Share