Presentado en FITUR 2008 o libro “Xardíns Das Mariñas”

Share

A Fundación Juana de Vega e o Grupo de Acción Local Terra das Mariñas presentaron en FITUR 2008 o libro “XARDÍNS DAS MARIÑAS” e unha Guía Turística co mesmo nome.

Estas publicacións teñen por obxecto poñer en valor os Xardíns das Mariñas Coruñesas como elementos singulares do patrimonio e da paisaxe da Comarca.

A Fundación Juana de Vega e a Asociación Terra das Mariñas presentaron o día 1 de Febreiro en Madrid no Stand de Turgalicia en FITUR 2008 o libro “XARDÍNS DAS MARIÑAS” e unha guía turística co mesmo nome.

Coa edición conxunta destas publicacións que teñen por obxecto poñer en valor os xardíns das Mariñas Coruñesas como elementos singulares do patrimonio e da paisaxe da Comarca, a Fundación Juana de Vega e a Asociación Terra das Mariñas fan realidade unha idea xurdida do “Plan de Dinamización Turístico Terra das Mariñas 2004 - 2007”

Os xardíns dos pazos constitúen o elemento principal do libro, neles conxúganse os valores históricos e arquitectónicos cos botánicos e naturais. Xunto con estes, tamén se recollen outros destacados xardíns pertencentes a quintas e palacetes construídos na segunda metade do século XIX, e a casas e chalés de comezos do século XX que deixaron unha pegada importante na paisaxe das Mariñas, e nos que participaron relevantes xardineiros.

O Xardín do Pazo de Figueroa en Abegondo, onde as camelias son as indiscutíbeis protagonistas, o romántico xardín de San Carlos na Coruña, o xardín do Pazo do casal coa súa sequoia xigante, o xardín do pazo de Meirás con olmos Holandeses e castiñeiros de indias, e así ata 39 xardíns en 161 páxinas con fotografías de Per Rueda e textos do profesor Jesús Ángel Sánchez García nos que se recollen testemuñas da nosa historia recente. Literatura, amoríos, poder político e económico e clases sociais reflexo doutra época, están vinculados aos xardíns que se presentan no libro.

A guía que é un resumo do libro, conten os mesmos xardíns con indicación da súa localización, os propietarios actuais, se son visitabeis ou non, así como as súas singularidades. Con ela preténdese dar a coñecer a través do turismo a riqueza paisaxística da Comarca das Mariñas.

A Fundación Juana de Vega e o Grupo de Acción Local Terra das Mariñas presentaron en FITUR 2008 o libro “XARDÍNS DAS MARIÑAS” e unha Guía Turística co mesmo nome.