Presentación do Grupo Operativo Oliveiras de Galicia

Share

O próximo venres, 26 de abril (11:00 a 13:00h), a sede da Misión Biológica de Galicia (MBG - CSIC) acollerá a xornada de presentación do Grupo Operativo para a multiplicación a grande escala de oliveira autóctona, no que participa a Fundación Juana de Vega. Xunto a Alfonso Rivas, director de Investigación da entidade e que presentará este proxecto, intervirán Carmen Martínez, investigadora principal da Misión Biológica de Galicia (MBG - CSIC) e Margarita Fraga, directora do Laboratorio Cultigar. Falarán, respectivamente, dos traballos realizados para propagación mediante estaca e micropropagación in vitro iniciados hai xa uns meses.

Por último, Manuel Riveiro, repasará a colección de oliveiras da Estación Experimental Agrogandeira da Pobra do Brollón (Ourense), propiedade da Xunta de Galicia, a onde se levarán varios dos exemplares autóctonos que se consigan multiplicar.

Os interesados poden anotarse cubrindo este formulario antes do xoves, 25 ás 14:00h.

I+D+i para atender a demanda do mercado
Con este proxecto de I+D+i búscase poñer a punto e optimizar técnicas ad hoc para reproducir once variedades únicas de oliveiras autóctonas galegas que permitan prover aos viveiros, de forma eficiente e sostible, de plantas que cubran a alta demanda rexistrada no mercado por novos agricultores galegos. O nome destas variedades son Brava Gallega, Brétema, Carapucho, Carmeliña, Folgueira, Hedreira, Mansa Gallega, Maruxiña, Santiagueira, Susiña e Xoana.

O consorcio do GO Oliveiras de Galicia está integrado pola Fundación Juana de Vega, que tamén é entidade coordinadora, a Misión Biológica de Galicia (CSIC), a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) da Consellería do Medio Rural, as empresas Ouro de Quiroga (Lugo) e Olivar de la Concordia (Valga, Pontevedra), e o laboratorio Cultigar, como colaborador externo.