Oleiros, 14 de Outubro de 2021.- A Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega levou a cabo o seminario internacional da paisaxe co título O carácter da paisaxe: o Camiño Inglés, a vila e o viñedo das Mariñas de Betanzos, durante os días 1, 2, 3 e 4 de setembro de 2021. Este evento só foi posíbel grazas ao patrocinio da Axencia de Turismo de Galicia, no marco do programa O teu Xacobeo ―destinado ao apoio a proxectos de dinamización do Xacobeo 2021-2022― e contou coa inestimábel colaboración do Concello de Betanzos.
O formato do seminario, coordinado polo Dr. Valerià Paül Carril, foi unha combinación de intervencións dos expertos nas distintas materias e visitas de campo nas que os/as participantes puideron observar sobre o terreo as cuestións tratadas e tomar contacto co territorio. O contido das relatorías permitiu ao alumnado profundar nas distintas materias obxecto do seminario, da man de expertos/as nos distintos eidos no ámbito nacional e internacional. Durante as xornadas do seminario realizáronse tres visitas de campo, coincidentes coas tres liñas temáticas que centraron as reflexións (os viñedos, a vila de Betanzos e o Camiño Inglés). O seu obxectivo principal consistía en acadar un coñecemento do territorio que permitise formular unha diagnose e propostas dentro das temáticas analizadas.
Así, acadouse un discurso coherente sobre a paisaxe do ámbito estudado, ao redor do seu carácter identitario, que tenta contribuír a un desenvolvemento sustentábel da comarca abranguendo, ao mesmo tempo, aspectos ambientais, económicos e sociais.
A publicación das conclusións do seminario recolle todo este proceso, incluíndo os principais contidos tratados nas relatorías e mesas redondas, así como os debates centrais que se produciron durante as visitas de campo, as propostas realizadas polos alumnos e alumnas e as reflexións acadadas. Acompáñanse de dous vídeos divulgativos que axudan a comprender o desenvolvemento e conclusións do seminario internacional de paisaxe.