Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe 2024

Categoría Edificacións e instalacións produtivas

Convocatoria 2024

Obxecto

O Premio Juana de Vega de intervencións na Paisaxe xorde do convencemento de que a paisaxe é un elemento fundamental do patrimonio de calquera sociedade humana por incidir directamente no seu benestar físico e social e por ser un recurso socio- económico de enorme potencial. Para poñer en valor e mellorar a calidade paisaxística do territorio, a Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega convoca o Premio como recoñecemento a aquelas intervencións que axuden a mellorar a calidade dos elementos que configuran a paisaxe de Galicia e sirvan de referencia social para futuras intervencións no mesmo.

Neste ano 2024 convócase o Premio na categoría EDIFICACIÓNS E INSTALACIÓNS PRODUTIVAS, que ten como obxecto recoñecer a calidade construtiva e correcta integración paisaxística de edificacións e instalacións vinculadas con procesos produtivos no medio rural.

Prazos

O prazo de presentación de candidaturas estará aberto ata o 19 de xullo de 2024 e o fallo do xurado darase a coñecer no último cuadrimestre do ano.

Valoración

Dentro da súa liberdade para tomar decisións, o xurado deberá valorar os seguintes aspectos nos proxectos presentados ao premio:

  • A calidade da intervención e a súa contribución á mellora da paisaxe.
  • A incorporación de criterios de sostibilidade, uso racional dos materiais, estratexias de proximidade e economía circular.
  • A adecuación da intervención realizada aos usos previstos.
  • A capacidade da obra de converterse nunha referencia social.

Candidatos
Poden ser candidatos ao premio:

Autor/es do proxecto ou da intervención, cuxo promotor sexa unha persoa física ou xurídica de natureza privada. Só se admitirán intervencións realizadas en Galicia, que fosen acabadas nos oito anos anteriores a 2024, é dicir, entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 31 de decembro de 2023.

As candidaturas poden ser presentadas polo autor/es ou por un terceiro, incluídas asociacións ou outras entidades que teñan coñecemento de intervencións que ao seu xuízo, poidan ser merecedoras dos premios.

O xurado poderá premiar proxectos que non se presentasen á convocatoria se os consideran merecedores do mesmo.

Dotación
O premio terá unha dotación económica de 6.000€. Se o considera pertinente, o xurado poderá repartir o valor económico do premio entre os autores e o promotor, podendo percibir este último non máis do 50% do mesmo.

A criterio do xurado, poderán concederse tamén dous accésits, dotados cada un deles cunha cantidade económica de 1.500€.

Os autores das intervencións galardoadas recibirán un diploma acreditativo e os promotores unha placa de recoñecemento.

Os traballos premiados serán difundidos a través da web da Fundación, redes sociais, prensa xeneralista e medios especializados.

Xurado

O xurado do Premio Juana e Vega de Intervencións na Paisaxe 2024 estará integrado por sete profesionais de recoñecida traxectoria. Son:

  • Julio García Cordonié, decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais (COIIG);
  • Jorge Piñeiro Portela, representante do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia (COIAG), que intervén en delegación do decano, Pedro Calaza, director da Escola Galega da Paisaxe;
  • Inés Santé Riveira, doutora en Enxeñería Agrónoma, profesora do Departamento de Enxeñería Agroforestal da Universidade de Santiago de Compostela (Campus Terra, Lugo) e anterior directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER);
  • Enrique Luis de Salvador Sánchez, director do Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Xunta de Galicia;
  • Jesús Sánchez García, catedrático de Historia da Arte da USC;
  • Cristina Guedes, arquitecta portuguesa, docente e cofundadora do estudo menos é mais, con base na cidade de Porto.
  • Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega.

O secretario será o director da Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega, que actuará de secretario/a.

A Fundación Juana de Vega, de entre os membros do xurado, nomeará ao presidente do mesmo.

Incompatibilidade
Non poderán optar ao premio os membros do xurado, os seus asociados e colaboradores de calquera tipo, os empregados e patróns da Fundación Juana de Vega, así como os familiares dos mesmos, calquera que sexa o grao de parentesco.

Documentación
As propostas, para cada categoría do premio, deberán acompañarse da seguinte documentación, común a todas as categorías:

As propostas deberán acompañarse da seguinte documentación:

  1. Nome do autor ou autores do proxecto e do promotor.
  2. Certificación asinada polos autores na que se dea fe da finalización da obra dentro do prazo establecido no apartado quinto (periodicidade), así como a data de visado e o número de expediente colexial, acompañado do certificado final de obra no caso de que, polo tipo de intervención, se requira visado colexial.
  3. Declaración xurada do autor ou autores sobre os datos económicos obxecto do proxecto ou da intervención na que se indicará o orzamento total de execución da intervención terminada e metros cadrados obxecto da mesma. No caso das categorías B e C do Premio, tamén os metros cadrados construídos totais.
  4. Declaración xurada do autor ou autores na que se dea fe de non incumprir ningún suposto de incompatibilidades sinaladas no apartado anterior.
  5. Breve memoria descritiva da intervención en formato DIN A3 horizontal que conterá, como mínimo, os seguintes aspectos:
    • Texto descritivo da proposta, cunha extensión máxima de 350 palabras, no que se expoñerán os valores do proxecto e a súa achega á paisaxe, xustificando a solución adoptada, a elección de materiais e estratexias de integración da obra na contorna e os criterios de sostibilidade e de eficiencia enerxética empregados.
    • Plano de situación da intervención que permita a súa localización.
    • Fotografías do estado previo ao comezo das obras e do estado final das mesmas.
    • Planos de estado previo e estado proposto, incluíndo plantas, alzados, seccións, detalles construtivos e outra documentación gráfica que se estime oportuna para contar o proxecto.
    • No caso da categoría C, se procede, análise de concas visuais e estratexias de mitigación do impacto paisaxístico.
  6. Licencia de actividade cando esta sexa necesaria.

Toda a documentación deberá presentarse en soporte papel co formato e as dimensións indicadas. Os apartados a, b, c, d, f poderán entregarse en formato DIN A4 como anexos á memoria.

Ademais, presentarase toda a documentación en soporte dixital, atendendo aos seguintes criterios:

  • A memoria e anexos presentaranse en arquivos PDF, debidamente identificados.
  • Os planos e fotografías incluídos na memoria entregaranse tamén por separado, dentro dun cartafol, en formato JPG cunha resolución mínima de 300ppp.

A documentación achegada quedará en propiedade da Fundación Juana de Vega. Igualmente, todo o material gráfico e fotografías estarán libres de dereitos de autor e os concursantes galardoados co Premio ou cun accésit, autorizan expresamente á Fundación Juana de Vega, polo feito de presentar a súa candidatura, a utilizar a documentación gráfica para a edición de publicacións en soporte papel ou en dixital, co obxectivo de difundir os resultados das diferentes convocatorias.

Lugar de presentación de candidaturas

As candidaturas deberán presentarse en:

Fundación Juana de Vega
Avda. Salvador Allende, 92. 15176, San Pedro de Nós, Oleiros (A Coruña)
Tel. +34 981 654 637
Email: info@juanadevega.org

Fallo do xurado
O xurado, á vista da documentación presentada, poderá realizar unha selección previa daquelas intervencións ou obras que considere reúnen as condicións suficientes para optar ao premio, e realizar unha posterior visita ás mesmas. Os premios e os accésits poderán quedar desertos se as propostas presentadas non se consideran axustadas aos obxectivos do mesmo.

Unha vez analizadas todas as propostas, as decisións do xurado adoptaranse por maioría simple, sen voto de calidade. As decisións do xurado así adoptadas serán inapelables.

O fallo do xurado farase público a través da páxina web da Fundación Juana de Vega e noutros medios. Igualmente, os autores premiados recibirán unha comunicación por escrito na que se lles dará conta da resolución do xurado.

A entrega do premio realizarase nun acto público que terá lugar na sede da Fundación Juana de Vega, no último cuadrimestre de cada ano.

Aceptación das bases

A simple presentación de propostas para optar ao premio, implica o coñecemento e a plena aceptación das bases da convocatoria, que poden consultarse aquí, así como as bases do Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe.

Share