Acta do Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe
Categoría de Vivendas Unifamiliares
Asistentes:
- Presidente
- Gonzalo Byrne
- Secretario
- Pedro Calaza Martínez
- Vogais
- Elena Ampudia Aixendri
- Ginés Garrido
- Plácido Lizancos
- Enrique Sáez Ponte
- Rosario Sarmiento Escalona
- Teresa Táboas Veleiro
O xurado do Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe, na categoría de Vivendas Unifamiliares, reúnese na cafetería do área de servicio de Rande, ás 20 horas do día 2 de outubro de 2021, despois de visitar cinco das seis obras seleccionadas como finalistas na reunión do 16 de xullo.
Despois de deliberar, o Xurado do Premio toma por unanimidade os seguintes acordos:
- Conceder o Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe, na súa categoría de vivenda unifamiliar rematada nos anos 2018, 2019 e 2020, aos arquitectos Álvaro Marín Durán e Alfonso Castro Lorenzo pola súa obra “Surf House” situada no lugar de Fieiros, en Porto do Son. O xurado valorou a calidade xeral da obra, o esforzo na investigación tipolóxica e tecnolóxica que permitiu unha solución moi interesante como posible modelo de inspiración noutras zonas, xa que é unha interpretación doutras tipoloxías previas. Resalta o tratamento do espazo, ben construído e organizado, e o equilibrio entre a zona de día e a de noite. A obra amosa unha moi boa conexión e integración coa contorna, non bloqueando as vistas gracias a súa baixa altura e cuberta plana sumamente lixeira. O proxecto atende as inquietudes dos propietarios, integrando ben no deseño as súas necesidades e prioridades.
- Outorgar un accésit a Juan Creus e Covadonga Carrasco polo seu proxecto “Casa Elias” en Corcubión. Cómpre salientar o coidadoso acabado da obra, adaptando as solucións técnicas á realidade dunha casa do século XV, mellorando a funcionalidade e a sostibilidade, engadindo pequenos detalles de carpintería e respectando a tipoloxía da fachada. É notable a solución desenvolvida para aumentar a iluminación natural, a través dun patio interior, que distribúe luz nas estancias principais dun edificio catalogado con fiestras de reducidas dimensións. Destaca tamén a integración na contorna, especialmente na súa conexión coa igrexa.
- Outorgar un accésit a Ángel Santorio Cuartero polo seu proxecto “Vivenda unifamiliar en Fortiñón - Saiáns”. Cun deseño avanzado, de liña internacional, e un eficaz emprego dos materiais construtivos, a vivenda mostra unha boa organización, solucionando a diferenza de cotas cun xogo de niveis para adecuarse á tipoloxía. É de mencionar o contido tamaño dos dormitorios para potenciar as zonas comúns e garantir un uso máis amplo do espazo. Trátase dunha obra nunha situación complicada polas limitacións legais de Costas, a presenza dun regato no interior da parcela e unha topografía difícil.
- De entre os demais finalistas o xurado quere destacar o proxecto dos arquitectos Cecilia López Muiños, Juanjo Otero e Luis Ángel López de Mol Arquitectura, que recupera, con calidade de deseño e integración na contorna, unha casa no Lugar de Saa en Carballeda de Avia, que foi parcialmente destruída por un incendio. A obra non poido ser visitada, por decisión do propietario.
Sen máis asuntos que tratar, levántase a sesión ás 21.30.