Acta do Premio Juana de Vega Intervencións na Paisaxe
Categoría: intervencións privadas no patrimonio construído e na súa contorna
Porriño, a 15 de setembro de 2017
Asistentes:
Presidente: Gonzalo Byrne.
Secretaria: Isabel Aguirre de Urcola.
Vocais: Joao Nunes, Enrique Sáez Ponte, Francisco Leiro, Fátima Braña, Covadonga Carrasco y Marilar Aleixandre.
O xurado reúnese en Porriño ás 21:30 horas despois de percorrer durante toda a xornada as cinco obras seleccionadas polo propio xurado na súa primeira reunión celebrada o pasado 10 de xullo.
Constátase que, ao tratarse dunha categoría nova que abrangue unha ampla diversidade de obras, o esforzo de analizalas e comparalas segue criterios cualitativos de diversa raíz, que levaron ao xurado a tomar os seguintes acordos por unanimidade:
Primeiro.- Outorgar o Premio Juana de Vega en intervencións na paisaxe, na categoría “intervencións privadas no patrimonio construido e na súa contorna” ao traballo “Ampliación da excavación de sondaxes para a delimitación, caracterización e posta en valor do Castro de Anxeriz”, presentado pola Fundación Xosé Soto de Fión. Nesta obra hai varios aspectos destacables que o xurado toma en conta e quere subliñar:
- O conxunto da actividade da Fundación que presenta o traballo é salientábel, xa que a recuperación do castro de Arxeriz vén completada coa creación dun museo etnográfico que reforza o esforzo feito na recuperación do patrimonio. Todo él realizado con alta calidade de deseño e presentación.
- O coidado da contorna do castro e das edificacións existentes, que se rexenerou con especies frondosas autóctonas, antes ocupada por eucaliptos. O valor deste labor vén reforzado pola situación do castro e da finca nun lugar privilexiado sobre o Cabo do Mundo, onde o río Miño ten formado un longo meandro que configura unha paisaxe de expcepcional valor.
- A decisión de Xosé Soto de recuperar e devolver ao uso da sociedade toda esta riqueza patrimonial, entendida esta palabra no sentido amplo, e fornecela de recursos que premiten a súa sostibilidade a través da Fundación que él crea. Por esta razón, o xurado considera que é esta Fundación a autora real do proxecto que se integra nun conxunto máis amplo.
Segundo.- Outorgar un accesit á rehabilitación da antiga casa reitoral de Santa María de Olives (A Estrada) de r.v.r. arquitectos. O conxunto da intervención pon en valor unha casa grande de pedra e a súa contorna de muros e instalacións complementarias. É de destacar o o esforzo en recuperar cada elemento patrimonial e darlle un lugar axeitado dentro dos novos usos que se piden á edificación. O alto valor do conxunto e a súa contorna fica resaltado pola intervención feita que combina os elementos patrimoniais e a decoración actual e rodéaos dun xardín no que os espazos abertos e os elementos vexetais reforzan a posición e o valor do edificio.