Acta final do xurado
O 14 de setembro, as 21.00 horas, reúnese o xurado en Carril (Vilagarcía de Arousa), integrado polas seguintes persoas:
Presidente en funcións: Xosé Manuel Casabella López.
Secretario: Enrique Sáez Ponte.
Vocais: Manuel Caamaño Suárez, Gonçalo Byrne, Salvador Fraga Rivas, Francisco Xavier Seoane Rivas y Manuel de la Iglesia Pérez. (*)
(*)Asiste en representación de Celestino García Braña.
Durante todo o día, visitáronse as 7 vivendas preseleccionadas na sesión do 17 de xullo. Ademáis, visitouse unha (das duas situadas en Vilanova de Arousa) que se separou para analizar a súa posibel inclusión no proceso de selección. O día 3 de setembro unha delegación composta por tres membros do xurado, visitou tamén outra obra que estaba nas mesmas circunstancias, situada en Bergondo.
O xurado fai unha detida valoración, limitada ás sete vivendas preseleccionadas inicialmente, e toma por unanimidade os seguintes acordos:
- Conceder o Premio Juana de Vega de Arquitectura, para vivendas unifamiliares rematadas no 2008, ao arquitecto Alfonso Penela Fernández, pola súa obra en Vilariño – Hio (Cangas). O xurado valorou especialmente o complexo e, ao mesmo tempo, elegante deseño da casa, que pode funcionar como unha soa vivenda ou como catro vivendas unifamiliares. O edificio ten rasgos propios da arquitectura naval que se poden apreciar nas súas cubertas de zinc, que fan lembrar a barcos invertidos, nas elaboradas solucións constructivas, como a estructura metálica, ou nos elementos de compartimentación interiores, como o mobiliario encastrado e as escaleiras retráctiles, as portiñas de comunicación ou a coidada pel de madera de cedro e carballo. O conxunto, presidido polas tres cubertas de forte personalidade, intégrase perfectamente no núcleo mariñeiro no que se sitúa, e que tamén se ve reflexado nos corredores exteriores, ou nos pequenos calexóns que separan e unen os diferentes corpos do edificio.
- Conceder un accesit ás seguintes obras:
- Vivenda en Vilagarcía de Arousa dos arquitectos José Luis Recuna Cuíña e José María Fernández Dapena polo difícil logro de crearen espazos de intimidade nun entorno semiurbano agresivo, coa presenza dunha nave industrial a carón da parcela e dunha estrada de acceso ao porto, con moito tráfico de vehículos pesados. A construcción envolve agarimosamente un xardín posterior, que é un remanso de paz en torno da piscina. Ao mesmo tempo, as súas formas, froito dun deseño moi coidado, transmiten equilibrio e resolven con eficacia o programa da casa.
- Vivenda no lugar de Piñeirón (Ribadumia) dos arquitectos Jaime Rodríguez Abilleira e Santiago Pintos Pena. Destaca o xurado a boa combinación lograda entre os edificios antigos rehabilitados e a nova construcción, engadida para cumprir o programa funcional plantexado polos promotores. é especialmente salientábel a harmonía dos espazos de interconexión dos elementos novos e antigos, así como a calidade constructiva dun conxunto integrado, que levita sobre unha hectárea de emparrado de uva alvariño.
- Destacar, entre os finalistas, a obra presentada por Martín de Cominges Carvallo en Aios (Sanxenxo). Un edificio que sobresae por engadir a unha arquitectura actual un elemento dominante nas Rias Baixas: o granito. Grazas a boa combinación de elementos constructivos e ao equilibrio formal, a vivenda incorporase con naturalidade a unha ladeira de casas espalladas, sobre o mar, fronte a Illa de Ons.