Oleiros, 18 de outubro de 2011.- A sede da Fundación Juana de Vega acolleu hoxe o acto de lectura do fallo e entrega dos Premios Juana de Vega de Arquitectura, correspondentes á convocatoria de 2011, coa que se premian recoñece o labor dos arquitectos que, cos seus proxectos, contribúen á mellora da calidade de vida do medio rural galego a través de propostas arquitectónicas contemporáneas que se integren no contorno natural adaptándose á calidade paisaxística de cada zona. O certame, de carácter anual, é o de maior dotación que se convoca en Galicia para proxectos de arquitectura, recoñecendo tanto vivenda unifamiliar de nova planta como de rehabilitación, rematada en Galicia no ano natural anterior á convocatoria, neste caso 2010.
Na entrega deste premio estiveron presentes o presidente do xurado e decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Jorge Duarte; o secretario e presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, e o xa ex director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, que actuou como vogal e viviu nesta xornada unha ocasión moi especial ao despedirse deste equipo de xurado, xa que hai escasas datas deixou o seu cargo a fronte da escola coruñesa.
Durante este acto fíxose entrega do primeiro premio a Antonio Pernas Varela pola vivenda situada en Bergondo (Aldea de Arriba), mentres que os accesit correspondéronlles a Óscar e Iván Andrés Quintela (arrokabe arquitectos) pola súa obra nas proximidades de Lavacolla (Sabugueira do Carballal), e a Pablo Menéndez Paz pola súa obra na Caeira (Pontevedra). Tamén se concedeu unha mención especial como finalista destacada á obra de rehabilitación de Estefanía Vázquez Müller e Roi Feijoo Rei no casco histórico de Ourense.
Antes de proceder a entregar os diplomas acreditativos e as placas conmemorativas aos propietarios das vivendas galardonadas, co fin de destacar o papel dos mesmos á hora de apostar pola innovación e a integración no contorno das súas vivendas, os membros do xurado destacaron a necesidade de promocionar aos arquitectos que están facendo traballos de calidade en Galicia.
Pola súa banda, o presidente da Fundación Juana de Vega salientou a vocación pedagóxica destes premios, indicando que é necesario dar a coñecer o que se fai ben, motivo polo que a Fundación tamén publica os traballos premiados nun libro que leva xa dúas edicións. Tamén destacou a necesidade de premiar as apostas por unha arquitectura nova, que necesita propietarios que queiran innovar e mellorar o territorio que os arrodea a través de vivendas que son o mellor expoñente da arquitectura contemporánea galega.
O decano do COAG incidiu nesta idea manifestando que os traballos premiados constitúen grandes mostras da arquitectura contemporánea do noso tempo, nun momento no que tanto a sustentabilidade como a economía de medios é fundamental, tendo en conta a actual crise económica. Dous aspectos que, en opinión de Jorge Duarte, integráronse de xeito moi satisfactorio na meirande parte dos proxectos presentados. Destacou neste sentido o elevado nivel dos participantes tanto en obra nova como en participación.
Pechou as intervencións Xosé Manuel Casabella, que se despediu desta convocatoria lembrando o labor de todos os membros do xurado que participaron en cada unha das edicións, ao tempo que desexou que a Fundación Juana de Vega non perda a ilusión e siga adiante con estes premios, xa que está a desenvolver un labor imprescindible para o noso país e para arquitectura moderna. Neste sentido, engadiu que debe ser a sociedade civil a que ten que realizar este tipo de accións, e non só as administracións públicas.
Traballos Premiados
Premio Juana de Vega de Arquitectura:
Antonio Pernas Varela.
Vivenda situada en Bergondo (Aldea de Arriba).
O xurado valora especialmente un compacto deseño, dotado de alta eficiencia enerxética que se inxire con naturalidade e engade calidade visual ao espazo próximo, caracterizado pola proliferación de vivendas illadas e pequenos grupos de casas, perto dun gran polígono industrial. Destacan a distribución ben organizada con alternativas de mobilidade exterior e interior e o bo criterio no emprego dos materiais (madeira, lousas de formigón prefabricadas e aceiro galvanizado), elementos que contribúen a unha harmoniosa relación entre a casa e o xardín.
Accésits.
- Óscar e Iván Andrés Quintela de Arrokabe arquitectos.
Obra nas proximidades de Lavacolla (Sabugueira do Carballal).
Recoñécese o proxecto duha vivenda sinxela, feita con medios moi limitados, que parte dunha axeitada colocación sobre o terreo dispoñíbel. De costas á estrada ábrese a un reducido xardín a través dun amplo espazo cuberto feito de madeira de eucalipto. A cuberta tradicional de tella a dúas augas protexe o mundo interior artellado ao redor da cociña, como é habitual no medio rural, e deseñado para permitire a vida dunha muller con graves minusvalías. A forma e o remate cromático enriquecen o entorno rural, próximo ao Camiño de Santiago, que amosa, na súa derradeira etapa, deficiencias estéticas graves.
2. Pablo Menéndez Paz.
Obra na Caeira, asentada nun solar con forte gradiente, pero orientado ao sul e con espléndidas vistas sobre Pontevedra e a desembocadura do Lérez.
Segundo indica o xurado, o panorama é resaltado pola eficaz concepción da edificación, que se abre ao exterior e aproveita a pendente para estruturar en chanzos os espazos centrais (salón, comedor, cociña) tras grandes xanelas. A fachada posterior, sobre a rúa de acceso, é máis opaca e protexe as costas dunha edificación ben concibida.
Finalista destacada:
Estefanía Vázquez Müller y Roi Feijoo Rei.
Obra de rehabilitación na Rúa da Liberdade de Ourense, en pleno casco histórico.
Valora o xurado a boa solución lograda para integrare os dous corpos da casa, un antigo e outro engadido posteriormente con escaso criterio e o elegante deseño xeral do edificio, recuperado polo Instituto Galego de Vivenda e Solo para vivenda de aluguer destinada a persoas con baixos ingresos.