Outras 80 persoas formáronse este 2024 en fruticultura e viticultura nos cursos impartidos pola Fundación Juana de Vega e o CFEA de Guísamo

Share

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Guísamo acolleu esta tarde a clausura dos cursos de Fruticultura e de Viticultura e Enoloxía 2024 promovidos pola Fundación Juana de Vega en colaboración coa institución educativa. En total, nos dous cursos inscribíronse 80 persoas de diferentes perfís, que abarcan desde profesionais en activo que buscaban adquirir novas técnicas ata particulares que acudiron para realizar este tipo de traballos en terreos da súa propiedade.

Os catro cursos que se impartiron a longo do ano foron Viticultura e Enoloxía avanzado (60 horas), e os de Fruticultura: Poda de froiteiras (48 horas), Propagación de froiteiras e técnicas de cultivo (60 horas) e Aproveitamento e transformación de produtos frutícolas (40 horas). En total, 208 horas de formación e 20 prazas por especialidade que se cubriron en poucas semanas tras a apertura do prazo, xerando incluso lista de espera.

Doce anos
Os cursos de Fruticultura e de Viticultura da Fundación Juana de Vega impártense de forma continúa desde 2012 con moi boa acollida e demanda. A súa particularidade é que teñen un carácter eminentemente práctico, cobren todo o ciclo vexetativo das plantas, ademais de renovar o programa cada ano. Ata o momento, lévanse formado case 800 persoas de toda Galicia.

No seu discurso de clausura, Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega, destacou que esta iniciativa é un bo exemplo da importancia da colaboración público-privada. “O apoio da Fundación Juana de Vega facilita ampliar o abano de persoas que se forman nas grandes instalacións que ten este centro. Unha circunstancia que nos gusta porque ser unha escola agraria foi o noso obxectivo inicial”, recordaba.

Así mesmo, non quixo deixar de agradecer, unha vez máis, a colaboración do CFEA de Guísamo que fai posible a realización destas accións nas súas leiras e na adega. Tamén felicitou aos participantes animándoos a que “poñades en práctica todo o que aquí aprendestes”.

Para cerrar o evento, os asistentes degustaron a sidra e o viño que eles mesmos elaboraron e embotellaron.