Os xardíns históricos do Pazo de Castrelos desde unha mirada de territorio

Share

O venres, 14 de marzo pola mañá (9:30 a 13:30h), o museo do Pazo de Castrelos acolleu a xornada formativa e divulgativa “O Pazo de Castrelos, unha experiencia práctica na xestión e restauración de xardíns históricos”. O evento organizado pola Fundación Juana de Vega foi seguido por un nutrido grupo de persoas entre alumnos do Grao de Paisaxe das universidades de Santiago de Compostela (USC) e da Coruña (UdC).

Carmela Silva, tenente de alcalde de Vigo, inaugurou o evento subliñando a importancia histórica e social dos xardíns do Pazo e a inquietude por parte do Concello de poñelo en valor. Antes de presentar aos tres relatores, fixo mención do convenio de colaboración asinado entre o Concello de Vigo e a Fundación Juana de Vega para a elaboración dun estudo, diagnose e proxecto de recuperación dos xardíns do Pazo de Castrelos e a realización de actividades de formación, sensibilización e de divulgación dos valores deste ben histórico.

Relatorios
O catedrático de Historia da Arte, Jesús Sánchez abordou os pormenores da historia do pazo e os seus xardíns, comentando a historia da xardinería pacega e, de forma expresa, os pormenores de desenvolvemento do pazo e os seus xardíns, expoñendo diferentes imaxes históricas que avalaban as súas afirmacións.

Pola súa banda, a Isabel Iglesias, profesora titular do departamento de Produción Vexetal da Universidade de Santiago de Compostela, centrouse no valor botánico do espazo, repasando as especies existentes por continentes e expoñendo as súas particularidades máis importantes.

Por último, Pedro Calaza, director da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, partiu da exposición dos xardíns Castrelos desde unha mirada de territorio, resaltando o seu papel potencial como elemento fundamental da infraestrutura verde de Vigo, para chegar á escala do parque, indicando os estudos que se desenvolveron como o topográfico, biodiversidade, composición, caracterización de árbores singulares, etc. Finalizou a exposición describindo as fases e fitos a alcanzar en 2025.

O evento foi clausurado polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen expuxo a preocupación do goberno local pola conservación deste espazo e a necesidade de poñelo en valor para dalo a coñecer á cidadanía. Caballero tamén manifestou o seu compromiso coa restauración dos xardíns e a colaboración coa Fundación Juana de Vega.