O socios do Grupo Operativo DIXITEGA presentamos os resultados do traballo realizado para dixitalización da cadea de valor da IXP Ternera Gallega na primeira xornada do V Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario organizado pola AGACAL (Consellería de Medio Rural, Xunta de Galicia). Por parte da Fundación Juana de Vega acudiron Alfonso Ribas, director da Área de Innovación e Investigación, e Adrián Sánchez, técnico de Proxectos. A xornada tivo lugar na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela (Edificio Cinc) e foi inaugurada pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte.
Desde setembro 2024, a plataforma dixitega.com é unha ferramenta de traballo diaria 24/7 para que todos os axentes implicados na cadea de valor de Ternera Gallega poidan consultar, en tempo real, prezos de materias primas, de animais e canais, a oferta de animais dispoñibles, etc. para prever custos, tomar decisións máis informadas e ganar en competitividade.
Consorcio
Xunto á Fundación Juana de Vega (coordinadores), os socios deste Grupo Operativo foron o Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia, a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne - Ceteca, AGRIGGA Carne SCG e a Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant). En calidade de entidades colaboradoras participaron o CIAM (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo), ACRUGA e a tecnolóxica DIH Datalife.


Programa do V Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario
O Foro conta con catro xornadas. Esta primeira do 27 de febreiro, centrada na gandaría e a industria agroalimentaria. A segunda será o 13 de marzo, en Ribadumia (Pontevedra); o 27 do mesmo mes no Pazo de Fontefiz, en Coles (Ourense) na que participará o Grupo Operativo TERRACTIVA, do que foi beneficiario a nosa Fundación; e o 11 de abril en Ribadeo (Lugo). Nestes catro encontros darase a coñecer 35 proxectos que buscan resolver os problemas do presente e do futuro do sector agrogandeiro en Galicia, e nos que a I+D+i e as novas tecnoloxías tiveron un papel relevante.
A segunda xornada deste foro será o 13 de marzo na Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia (Pontevedra), adscrita á Axencia Galega da Calidade Alimentaria. No seu programa figura a presentación dun total de sete iniciativas, todas elas vinculadas coa viticultura e a enoloxía. Así, amosaranse proxectos sobre tratamentos fitosanitarios, cultivo sostible do viñedo, produción de planta de vide resistente a determinadas enfermidades ou xestión de rega.
O 27 de marzo celebrarase a terceira sesión no Pazo de Fontefiz, en Coles (Ourense), que acolle nas súas dependencias o Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, institución da Xunta de Galicia responsable da elaboración e desenvolvemento dos programas de conservación e fomento de todas as razas autóctonas galegas en perigo de extinción. Nesta xornada haberá unha decena de proxectos, todos eles correspondentes á sección de agricultura, como é o caso de TERRACTIVA.
Por último, o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) Pedro Murias de Ribadeo (Lugo), acollerá a cuarta sesión, que versará sobre silvicultura. Será o vindeiro día 11 de abril e nela presentaranse un total de sete proxectos, entre eles os de desenvolvemento de elicitadores de defensa en castiñeiro do país e de mellora do cultivo da especie autóctona de sabugueiro para a obtención de extractos ricos en compostos bioactivos.
