Os participantes da xornada sobre a paisaxe na Vía da Prata aportan as claves para a posta en valor do ámbito urbano, natural e patrimonial da zona de Monterrei

Share

Verín, 12 de septembro de 2022.- As xornadas internacionais de paisaxe desenvolvidas en Verín esta fin de semana remataron con grande éxito de participación e interesantes conclusións sobre a percepción da paisaxe na Vía da Prata nunha contorna singular como a de Monterrei e Verín. O seminario, impulsado pola Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, co obxectivo é afondar sobre os valores das paisaxes do Camiño de Santiago na súa variante Vía da Prata.

Os asistentes, procedentes de diferentes localidades e profesións, tiveron a oportunidade de compartir coñecementos, experiencias e coñecer da man de expertos paisaxistas nacionais e internacionais as singularidades do patrimonio cultural, natural e social. As xornadas constituíron un campo de estudo no que se analizou o cambio de percepción da paisaxe en base a coñecementos innatos e adquiridos e permitiu identificar aspectos a mellorar, propoñendo ideas para cinco escenarios diferentes en composición, esencia e contexto.

Como exemplo de paisaxe patrimonial estudouse a Fortaleza de Monterrei, o modelo de paisaxe natural foi o río Támega e a súa contorna, en paisaxe urbana estudouse o núcleo de Verín, en paisaxe panorámica o punto de análise foi o Canón de Armada, e tamén se analizou a percepción e das paisaxes vitivinícolas desde a adega O gargalo. Entre as propostas lanzadas nas conclusións figuran a creación dun parque natural internacional no río Támega, para o que se propón tamén a mellora da sinalética, a eliminación de elementos urbanos ou a recuperación de zonas húmidas, así como aumentar a Rede natura. Por outra parte, proponse o regulamento de espazos exteriores da fortaleza de Monterrei, así como a recuperación da praza na zona urbana de Verín e diversas accións de humanización. Para o canón da Armada, indícase a necesidade de ordenar os usos do solo para mellorar a biodiversidade e evitar a monotonía da paisaxe. Para o ámbito vitivinícola destácase o potencial para os usos turísticos ou a promoción de experiencias singulares.

Os actos de inauguración e clausura, así como as conferencias das sesións teóricas desenvolvéronse no Parador de Verín.

Entre as relatores estivo a coordinadora das xornadas, Esther Valdés, que é doutora en arquitectura da paisaxe e directora do Grao. en Xestión Urbana da Universidad Camilo José Cela e desenvolveu o seu labor investigadora en materia de paisaxe, percepción e cambio climático. A súa conferencia estivo centrada na “Percepción da paisaxe: entre o coñecemento e a emoción”. Tamén pronunciou unha charla o director da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, Pedro Calaza, que falou sobre os “Servizos ecosistémicos como recursos para percibir e valorar a paisaxe”. As conferencias finalizaron co profesor da Universidade de Porto e director do Xardín Botánico da cidade portuguesa, Paulo Farinha, que analizou os valores culturais da paisaxe.

Esta fin de semana celebrouse en Verín o seminario internacional para abordar esta temática, nunha iniciativa impulsada pola Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, que forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia.

Os asistentes, procedentes de diferentes localidades e profesións, compartiron coñecementos e experiencias e puideron coñecer da man de expertos paisaxistas as singularidades do patrimonio cultural, natural e social desta contorna e identificaron os aspectos a mellorar propoñendo ideas para os diferentes escenarios.

Formuláronse propostas como a creación dun parque natural no río Támega, o regulamento de espazos exteriores da fortaleza de Monterrei, así como a humanización de zonas urbanas de Verín e a explotación turística das adegas.