Oleiros, 19 de novembro de 2018.- O Castro de Elviña é unha "oportunidade fantástica" para facer ben as cousas. Así expresa Luis Paulo Ribeiro, arquitecto paisaxística, as conclusións do workshop internacional sobre o “Parque arqueolóxico do Castro de Elviña”, que organizou a pasada semana a Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, co patrocinio do Instituto de Estudos do Territorio, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
Ribeiro destaca tamén o "magnífico potencial" deste lugar, que aporta un novo espazo verde con "calidade paisaxística, visual e para a saúde" dos coruñeses. Ribeiro explica que agora "hai novas formas de facer parques", tendo en conta "o respecto á ecoloxía, á historia, aos restos arqueolóxicos e á identidade" o que axuda tamén a que sexan máis sinxelos de manter. Este experto aposta por coller "como peza fundamental o castro" pero adaptando as visitas de forma "diversificada". "Non é só unha visita arqueolóxica", polo que habería que adaptalas "á todo co que se relaciona: historia e natureza de Galicia en xeral e da Coruña en particular".

Pola súa banda, Pedro Calaza, doutor enxeñeiro e arquitecto da paisaxe e coordinador do seminario, insiste na necesidade de facer un "enfoque integral" do castro, con equipos multidiscipoinares de arquitectura, paisaxe, enxeñería, arqueoloxía e bioloxía, para vinculalo co seu perímetro: "estruturas agrarias, universidade e cidade". Unha das opcións, suxire, sería "reacondicionar o túnel que hai baixo a Terceira Ronda sen uso para que fora un acceso ao castro". Tamén resalta a importancia das dúas perspectivas que ten esta zona e potenciar "os miradores, tanto dende o castro coma desde a cidade, por exemplo desde a universidade", así como plantar máis "carballos, castiñeiros, loureiros" e demais especies relacionadas coa historia do lugar.
O obxectivo deste seminario, que tivo lugar na sede da Fundación en Oleiros do 12 ao 16 de novembro, era o estudo integral do Castro de Elviña e da súa contorna coa fin de analizar o seu estado actual desde unha óptica múltiple, e facer un diagnóstico xeral incluíndo a súa evolución territorial e produtiva, e a súa conectividade cos asentamentos próximos e coa cidade da Coruña.

No workshop participaron Luis Ribeiro, da Universidade de Lisboa, doutor en Arquitectura da Paisaxe pola Universidade de Amherst e experto internacional en proxectos de paisaxe. Tamén intervieron Gianfranco Gazzetti, licenciado en literatura antiga e especialista en arqueoloxía pola Universidade de "A Sapienza" de Roma, colaborador co servizo didáctico da Comune dei Roma e da Soprintendenza Archeologica de Roma e da Etruria Meridionale; Paula Ballesteros-Arias, arqueóloga técnica de investigación do Incipit-CSIC, e Matilde González Méndez, arqueóloga experta en Comunicación e Revalorización do Patrimonio. Entre os especialistas tamén estiveron Fidel Méndez Fernández, arqueólogo e director das escavacións do Castro de Elviña, que foi o encargado de acompañar os participantes na visita de campo á zona; Manuela Costa Casais, xeógrafa do Departamento de Xeografía Física da USC; Inmaculada Romero Buján, do Departamento de Botánica da USC e ambientalista; Purificación Soto Arias, arqueóloga, e Nuria Freire, arquitecta e master en Arquitectura da Paisaxe. O seminario estivo coordinado polo doutor enxeñeiro e arquitecto da paisaxe Pedro Calaza Martínez.