Os Biosbardos e Gandería Roidiz, dous casos de éxito en Galicia en aplicación das técnicas da agricultura e gandería rexenerativas

Share

As I Xornadas Científico-Técnicas sobre Xestión Rexenerativa, organizadas pola Fundación Juana de Vega e a Fundación CorBI, continuaron hoxe con saídas técnicas a campo á hortícola Os Biosbardos, en Cambre, e á Gandería Roidiz, nas Pontes de García Rodríguez.

A hortícola “Os Biosbardos • Cultura de Leira” é un proxecto de agricultura ecolóxica baseado no manexo rexenerativo, en concreto na permacultura e na agricultura sintrópica. Miguel Roig, o seu promotor, é o que se define como un novo entrante no sector agroalimentario: alguén que, sen experiencia nin vinculación previa, decidiu converter a inquietude pola terra na súa profesión.

Os Biosbardos naceu en 2019, xusto antes da pandemia, cando Miguel decidiu virar á súa traxectoria profesional no sector TIC e dedicarse a cultivar e coidar 5 hectáreas de leiras no lugar de Lendoiro (Cambre). Actualmente, tras superar a fase de asentamento do seu proxecto e cun equipo sólido co que colabora man a man, Os Biosbardos continúa medrando e ofrecendo verduras e froitas de calidade e proximidade. Repolos, pementos, berenxenas, porros, cebolas, tomates cando é a tempada, allos tenros, kale, verzas, mazas, cítricos, etc. No caso dos porros, empregando as técnicas da agricultura rexenerativa conseguiron multiplicar por catro a produción en menos espazo. “Onde antes plantabamos tres pezas, agora medran doce”, explica Miguel. Ao grupo da visita sumáronse os expertos convidados ás Xornadas Franscesc Font, Ana Digón, Edith Uhía e Jaime Otero.

Pola súa banda, Gandería Roidiz é unha granxa de longa tradición familiar dedicada, principalmente, á produción de leite de vacún. Desde o 2017, coincidindo coa incorporación dunha nova socia, Teresa Molina Santiago (técnica en Paisaxismo e Medio Rural e licenciada en Publicidade e RR.PP), fixeron un gran cambio no sistema produtivo apostando pola ecoloxía. Desde este momento, traballaron para mellorar a calidade das pradeiras con labranza cero, unicamente co pastoreo controlado e achegas das propias dexeccións dos animais. “Nestes oito anos de andanza co modelo rexenerativo foron, e seguen a ser, moitos os retos afrontados, pero con bos resultados”, explica Teresa. A esta visita acudiron Antonio Tucci e Xan Pouliquen, que fixo unha cata do solo para amosar in situ o cambio, a mellor, conseguido.

Recentemente crearon unha marca, Amoreleite, para nun futuro próximo pechar o ciclo de produción na propia granxa e elaborar os seus produtos lácteos para distribuílos en circuítos curtos de alimentación.

Por que?
Coa convocatoria das I Xornadas Científico-Técnicas sobre Xestión Rexenerativa, a Fundación Juana de Vega e a Fundación CorBI quixeron, por unha banda, sumarse ao debate e ser partícipes dun cambio de paradigma na xestión agropecuaria que xa se practica con éxito en todo o mundo aínda que non é maioritario. Pola outra, o obxectivo foi ofrecer unha nova formación aos profesionais do sector de Galicia para que teñan o coñecemento necesario e poidan elixir se dar o salto da agricultura convencional á rexenerativa.

A primeira parte das Xornadas tivo lugar onte entre o MUNCYT e a DOMUS coas sesións científicas e divulgativas impartidas por 7 expertos galegos e nacionais referentes en agricultura e gandería rexenerativas. Os relatores foron Edith Uhía Castro (bióloga, permacultura e divulgadora), Xan Pouliquen (agroecólogo e asesor agrario), Antonio Tucci (asesor e gandeiro rexenerativo), Francesc Font (agricultor, fundador e CEO de The Regen Academy), Jaime Otero (agricultor sintrópico), Xavier Domene (investigador do Centro de Investigación Ecológica y Aplicaciones Forestales (CREAF); e a divulgadora e presidenta da Asociación de Agricultura Regenerativa, Ana Digón. Esta última xustificaba a necesidade deste foro argumentando un feito obvio: “O sistema agroalimentario está en crise total, non se sostén, e temos que implementar alternativas que non son utopías porque xa estamos vendo resultados reais. Temos que construír a resiliencia dos sistemas agrolimentarios empezando polo solo, que é a base de toda a vida.”

Que é o manexo rexenerativo?
O manexo rexenerativo é unha práctica integral de xestión agrícola que pon unha forte énfase na mellora e rexeneración do solo, incluíndo o seu compoñente biolóxico. Esta transición, indican os expertos, non só ten implicacións ambientais ao facer que a agricultura e gandería sexan máis resilientes ao cambio climático e teñan un menor impacto na saúde ambiental e humana, senón que tamén garante a viabilidade económica dos produtores ao permitirlles aumentar as colleitas e reducir os custos de produción, especialmente en combustible e agroquímicos.