
A Fundación Juana de Vega participou o 24 de marzo no Seminario Infraestrutura Verde e Paisaxe Cultural no Douro Transfronteirizo, organizado en Valladolid como punto de partida de OETERRA, un proxecto europeo desenvolvido no marco do Programa Interreg VI-A España–Portugal (POCTEP) 2021-2027.
A dotación de preto de 2 millóns de euros, cofinanciada ao 75% por fondos europeos, permitirá ás entidades de ambos os países impulsar actuacións de conservación do territorio e desenvolvemento sostible nunha zona de alto valor ecolóxico, paisaxístico e cultural.
O encontro, que reuniu a medio cento de persoas, centrouse en analizar os retos da conectividade ecolóxica, a xestión da paisaxe e a innovación aplicada ao territorio, grazas ás achegas dos 7 especialistas participantes.
Nuria Freire González, arquitecta da Área de Paisaxe e Territorio da Fundación Juana de Vega, foi unha das expertas convidadas á xornada, na que expuxo unha visión integradora da paisaxe galega, conectando escalas locais e territoriais coa súa intervención “Infraestrutura verde en Galicia: unha ollada multiescalar da paisaxe, que se pode ver neste vídeo:
Durante a súa exposición, Freire destacou o papel da infraestrutura verde como ferramenta estratéxica para mellorar os servizos ecosistémicos, reforzar a biodiversidade e aumentar a resiliencia fronte ao cambio climático.
Así mesmo, puxo en valor o traballo que a Fundación Juana de Vega vén desenvolvendo en investigación, innovación e transferencia de coñecemento, especialmente a través de proxectos que promoven a implicación das comunidades locais para avanzar na adopción de solucións baseadas na natureza (SBN) e na planificación sostible do territorio. A súa achega foi moi ben acollida, e representantes de varios municipios e institutos tecnolóxicos apuntaron que as iniciativas da Fundación Juana de Vega eran realmente impactantes, amosando interese en replicalas nas súas diferentes áreas de actuación.
A experiencia, afirmou Freire, foi moi positiva, xa que permitiu coñecer a sede de Valladolid da Fundación Santa María la Real, as actividades que desenvolven e a folla de ruta do proxecto OETERRA. Tamén os avances en materia de infraestrutura verde e paisaxe que se están a desenvolver noutros territorios, especialmente da man de Víctor Colino, da Universidade de Salamanca, quen presentou o Observatorio Ecolóxico do Douro; a estratexia para a Reserva de Biosfera Transfronteriza Meseta Ibérica, por Ana Carvalho, da AECT ZASNET (entidade xestora da RBT); comprender o contexto das Reservas da Biosfera grazas á visión de Francisco José Cantos Mengs, do Comité Español do Programa MaB (Persoa e Biosfera, da UNESCO); e coñecer propostas de xestión territorial fronte aos incendios, especialmente aplicables no noso territorio, coa experiencia do proxecto MOSAICO, que comezou en 2015 en Estremadura e que foi presentada por Fernando Javier Pulido Díaz.
Networking
O evento de OETERRA permitiu establecer contacto con outras entidades como a Fundación Camino Lebaniego e a Fundación Entretantos, que amosaron un grande interese nos procesos de participación pública da Fundación Juana de Vega para aplicalos no seu territorio. “Trátase dun reto en moitos lugares e sorprendeulles a nosa capacidade para chegar aos distintos axentes e traballar con eles”, explicou Nuria Freire.

