O xurado do certame Vilas en Flor completa as visitas aos 29 concellos participantes para deliberar sobre a súa xestión paisaxística e ambiental

Share

Oleiros, 6 de outubro de 2021.– A edición 2021 do programa “Vilas en Flor” avanza a bo ritmo, tras a visita dos membros do xurado aos concellos participantes nesta iniciativa, impulsada pola Fundación Juana de Vega, que procura a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos. Este ano, o cuarto en que se celebra este certame que segue o modelo de grandes pioneiros en paisaxismo como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia ou Canadá, bateuse o récord de participación, con 29 municipios. Todos eles aspiran a recibir as flores de honra (ata un máximo de cinco), coas que se valoran as accións desenvolvidas para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna.

O equipo do xurado desde programa, organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociacion de Viveristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), e patrocinada por destacadas empresas: Rain Bird, Husqvarna e Piaggio, está formado por profesionais de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo. Son un total de dez expertos, desde docentes universitarios ata enxeñeiros agrícolas de entidades públicas e privadas, arquitectos e mesmo historiadores, tanto de Galicia como de Portugal. Están conformados en cinco grupos, que tras realizar as correspondentes visitas están abordando as avaliaciones en base aos criterios do sistema de valoración, gracias á disposición, interese e facilidades amosadas tanto polos responsables técnicos como institucionais dos concellos nos que se realizaron as visitas e que acompañaron aos membros do xurado durante os percorridos polas localidades.

O proxecto persegue a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos, así como a dinamización do sector do paisaxismo e a ornamentación. Por tanto, o xurado deberá avaliar aspectos como a adecuada implantación e xestión dos espazos verdes realizada polos concellos, así como a contribución das súas políticas ambientais ao desenvolvemento económico local, xerando máis actividade económica derivada do propio sector da planta ornamental e da xardinería así como dun previsible aumento de visitas turísticas.

Relación de concellos participantes:

  • Provincia de Pontevedra: A Guarda, Baiona, Caldas de Reis, Cambados, Cuntis, Gondomar, Lalín, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño, Tui, Mondariz, Vilagarcía.
  • Provincia de Ourense: Allariz, Carballiño.
  • Provincia de A Coruña: Betanzos, Culleredo, Fene, Narón, Ortigueira, Ponteceso, Pontedeume, Sada, San Sadurniño, Oza, Miño.
  • Provincia de Lugo: Chantada, Mondoñedo, Sarria.

Expertos integrantes do xurado

  • María Isabel Iglesias Díaz. Doutora en Ciencias Biolóxicas. Profesora titular na Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago de Compostela.
  • Carlos Cárcamo Álvarez. Enxeñeiro técnico agrícola municipal do Concello de Ourense.
  • Camino Nicolás Velado. Directora do Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo.
  • Lois Arenas Barreiro. Enxeñeiro Técnico Agrícola. Xefe de explotación CFEA Guísamo.
  • Silvia V. Caffaro. Doutora Enxeñeira Agrónoma. Empresa: Viveros Florgalicia S.L.
  • Xurxo Xoán González Conde. Administrador de Viveiros Adoa
  • Domingos Manuel Mendes Lopes. Director da Graduation de Arquitetura Paisagista da UTAD. Profesor do Departamento de Ciências Florestais e Arquitetura Paisagista da Universidade de Trás-os-Montese Alto Douro (UTAD)
  • Manuel Torres Lavandeira. Doutor Enxeñeiro Agrónomo. Profesor titular na Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago de Compostela.
  • Manuel Rodilla del Barrio. Arquitecto Técnico.
  • Javier Padín Martínez. Arquitecto técnico e historiador.

Está formado por un equipo de dez expertos de universidades, administracións e entidades públicas e privadas, que destacaron o interese e a disposición dos técnicos e xestores dos municipios

Na súa avaliación para conceder as Flores de Honra aos concellos analizarán a implantación e xestión de espazos verdes, así como a contribución das políticas ambientais ao desenvolvemento económico e turístico dos municipios

A iniciativa, que na súa cuarta edición culminará coa concesión de galardóns aos concellos, está organizada pola Fundación Juana de Vega, a Asociacion de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar)