A Fundación Juana de Vega vén de abrir a inscrición na edición 2024 do seu Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias co obxectivo de seguir impulsando unha maior profesionalización do medio rural galego a través do acompañamento a novos emprendedores e a empresas en activo que precisen redefinirse ou medrar.
O PAEA é unha iniciativa que a Fundación Juana de Vega apoia con fondos propios desde 2012 e que, nestes doce anos, leva acompañado unhas 110 iniciativas, das que un 80% se converteron en marcas consolidadas e recoñecidas no mercado e polos consumidores. Entre outras, está Galo Celta (produción de ovos e carne avícola), as cooperativas A Carqueixa (extensivo de vacún no Courel) e Fabas de Lourenzá (hortícola con denominación de orixe), Trasdeza Natur (froitas e hortalizas ecolóxicas e deshidratados con enerxía solar), Niufly (drons para vixiar cultivos e aplicar tratamentos ) ou as adegas Terras de Asorei e Pagos de Brigante.
O medio rural galego, apuntan desde a Fundación, é un espazo de oportunidades cun gran potencial en todos os sectores produtivos para abordar os retos que nos presenta o futuro. “A través do PAEA mostramos o noso firme compromiso para apoiar, acompañar e formar ás persoas que queiran contribuír a xerar riqueza e benestar social desde Galicia”, sinala a entidade. Neste sentido, e proba do éxito deste veterano programa, é que máis do 92% das empresas acompañadas ata o momento manteñen a súa actividade aos tres anos de vida, unha cifra superior á media de supervivencia das empresas emerxentes en España.
No programa poden participar proxectos e negocios dos sectores agroalimentario, forestal, pesqueiro e marisqueiro, bioeconomía, iniciativas de base tecnolóxica e servizos relacionados con estes campos, que se desenvolvan en Galicia e poñan en valor os recursos do territorio.
As inscricións para ambas modalidades poderán realizarse ata o martes, 5 de decembro na web https://programadeapoyo.juanadevega.org, onde tamén é posible consultar as bases.
Dúas modalidades, tres fases e doce intensos meses
Igual que en anteriores edicións, o PAEA conta con dúas modalidades. A primeira, denominada “Emprendemento” está orientada á creación de novas empresas, sucesións ou recuperación de negocios familiares. Busca colaborar cos emprendedores no desenvolvemento das súas ideas, converténdoas en proxectos innovadores e competitivos.
A segunda, “Crecemento e consolidación”, está dirixida a empresas existentes. Pretende axudar a autónomos, pemes e micropemes para mellorar o seu funcionamento a través da titorización na toma de decisións. Entre outras accións, poderán mellorar o control de xestión, facer estudos económicos, revisar a organización estratéxica, realizar investigacións de mercado, plans de financiamento, comerciais ou de márketing.
O XII PAEA constará de tres fases. Na primeira, que se desenvolverá en xaneiro de 2024, levarase a cabo a selección de proxectos cun máximo de 24 candidatos para analizar as propostas presentadas. Ao finalizar, elixiranse a 5 emprendedores e a un máximo de 6 empresas en funcionamento.
Na segunda fase, entre febreiro e xullo de 2024, os seleccionados recibirán formación, titorización e asesoramento de cara á implantación na última parte do ano. De setembro a decembro do 2023, recibirán asistencia xurídica, apoio na tramitación de axudas, captación de recursos financeiros ou en calquera outro tipo de necesidade para garantir o éxito da iniciativa.
Premio e demoday XI PAEA en novembro
Por segundo ano, a Fundación Juana de Vega convoca tamén o Premio Juana de Vega ao Emprendemento Agroalimentario, na categoría de “Emprendemento” valorado en 3.000€ . O gañador poderá usalo en 30 horas de sesións de apoio con mentores especializados.
A finais do próximo mes de novembro está previsto organizar un evento para presentar os proxectos do XI PAEA, durante o que tamén se fará entrega do I Premio Juana de Vega ao Emprendemento Agroalimentario.