Este venres, 14 de marzo (9:30 a 13:30h), o museo do Pazo de Castrelos acollerá a xornada formativa e divulgativa “O Pazo de Castrelos, unha experiencia práctica na xestión e restauración de xardíns históricos” dirixida ao alumnado do Grao en Paisaxe, titulación compartida entre as universidades de Santiago de Compostela e da Coruña.
A actividade inaugura a programación especial do Concello de Vigo polo centenario da doazón do Pazo de Castrelos á cidade por parte do Marqués de Alcedo. Así mesmo, enmárcase no convenio de colaboración firmado entre o goberno local e a Fundación Juana de Vega para a elaboración dun estudo, diagnose e proxecto de recuperación dos xardíns do Pazo de Castrelos e a realización de actividades de formación, sensibilización e de divulgación dos valores do ben.
Nesta liña, Pedro Calaza Martínez, director da Escola Galega da Paisaxeda Fundación Juana de Vega, impartirá a charla principal deste venres (11:45-12:15h) para contextualizar a restauración dos xardíns históricos en Galicia e os elementos clave no deseño paisaxístico do conxunto vigués.
Antes (10:15-11:00h) e tras a inauguración oficial por parte do alcalde, Abel Caballero, o catedrático do departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, Jesús Sánchez García, realizará unha análise histórica e paisaxística do Pazo.
Tras el (11:00-11:45h), María Isabel Iglesias Díaz, profesora titular do departamento de Produción Vexetal da Universidade de Santiago de Compostela, centrará a súa intervención no valores botánicos do Pazo de Castrelos.
A xornada concluirá cunha visita guiada aos xardíns históricos.
Programa:
