Os socios do proxecto europeo EC4RURAL continúan o desenvolvemento deste proxecto europeo financiado na polo Programa LIFE buscando alianzas cos actores do rural galego no seu obxectivo de fomentar a participación cidadá na transición cara a unha enerxía limpa, particularmente a través da creación de comunidades enerxéticas rurais.
Ao encontro de traballo asistiron representantes dos 16 GDR (Grupos de Desenvolvemento Rural) nos que están situados os 22 concellos galegos que participan en EC4RURAL. Alí estiveron, xunto coa Asociación de GDR de Galicia, Condado Paradanta, Montes e Vales Orientais, Carballiño-Ribeiro, DELOA, Terras de Compostela, Ulla Tambre Mandeo, Miño – Ulloa, Comarca de Ordes, Comarca de Lugo, Terras de Miranda, Costa da Morte, Ribeira Sacra – O Courel, Monteval, O Vieiro Leboreiro, Terra Chá e Seitura 22. A maiores, tamén aceptaron o convite ao evento os GDR de Valdeorras e do Salnés.
Cabe recordar que os 22 municipios que participan no piloto galego de EC4RURAL son: Mazaricos, Moeche, Ordes, Outes, Tordoia, Vedra, Vilasantar (A Coruña); Avión, Entrimo, Muíños (Ourense), Becerreá, Monterroso, Muras, Ourol, Palas de Rei, A Pobra do Brollón, Sober, O Valadouro (Lugo); O Rosal, Salvaterra de Miño, Silleda e Tomiño (Pontevedra).
Tal e como manifestou Xavier Simón, coordinador do proxecto EC4RURAL e catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, os GDR son “actores referentes no rural” xa que representan unha expresión exitosa da colaboración público-privada, ademais de ser prescritores da transición enerxética limpa e axentes fundamentais para o empoderamento da comunidade e da cidadanía para facerlles ver a súa relevancia e importancia neste proceso. “Os GDR son aliados clave para nós tanto nesta primeira fase na que nos atopamos agora de creación de dinámicas participativas como máis adiante, na replicabilidade dos posibles casos de éxito”.
A reunión, que tivo lugar na sede da FEGAM durante toda a mañá, comezou coa benvida oficial a cargo de José Antonio Santiso, presidente da Asociación de GDR de Galicia; Jorge Blanco, subdirector de Promoción Internacional e Rural Intelixente; e Alberto Varela, presidente da FEGAMP. A continuación, Xavier Simón presentou os principais obxectivos de EC4RURAL e Carmen Castells, de Sapiens Energía, e a Lucía Mendoza, de EspazoCoop, expuxeron como os GDR se poden implicar no plan de traballo deseñado por EC4RURAL e as vantaxes que supoñería a súa colaboración.
Mesa de experiencias
A maiores, tamén houbo unha mesa de experiencias na que participaron Eva González, xerente do GDR Limia Arnoia, e Paco González, xerente da Asociación de Desenvolvemento Rural Condado Paradanta. Ambos presentaron cadansúas propostas de enerxía comunitaria que queren desenvolver nos seus territorios denominadas “Auga e enerxía no territorio rural” e “Condado Paradanta Xenera”. Tras eles, Noel Viñas, director xeral da distribuidora local UDESA, explicou como poden contribuír á creación das comunidades enerxéticas rurais xa desde os primeiros pasos, asesorando aos socios nos trámites para comercializar a enerxía sobrante e converterse en prosumidores.