O proxecto ECOCOMEDORES DA BIOSFERA foi un dos casos de éxito elixidos para participar no III Encuentro Estatal de Centros Agroecológicos de Distribución (CAD), organizado polo proxecto GIASAT (Gestión Integral Agroecológica de los Sistemas Alimentarios Territorializados).
Organizado por GIASAT e a Asociación ECOAGRA, e coa colaboración da iniciativa ECOCOMEDORES DA BIOSFERA e a Fundación Juana de Vega, as xornadas -celebradas entre o 5 e o 7 de marzo- incluíron visitas de traballo e intercambio de experiencias na sede central de INDITEX en Arteixo e nas instalacións da Asociación Raiña Paraíso en Vilasantar, ademais dun percorrido pola feira BioCultura na Coruña.
O evento contou coa presenza de arredor de 40 persoas vinculadas a 12 agrupacións de produción agroecolóxica procedentes das comunidades de Galicia, Navarra, Aragón, Madrid, Andalucía, Valencia, Cataluña, Baleares e Canarias que, durante dous días, traballaron en consolidar a folla de ruta inicial da rede.
O obxectivo da Rede Estatal de CAD é impulsar a comercialización agroecolóxica en circuítos curtos, reforzando a cooperación, a equidade e a sostibilidade da pequena e mediana produción, e contribuír así a unha alimentación máis saudable e próxima para a sociedade.
Os CAD son espazos onde se xuntan e distribúen alimentos coa finalidade de realizar unha xestión sostible e colectiva da cadea de subministro. Conséguese cunha estratexia empresarial conxunta e baixo un enfoque de economía social, que soluciona as necesidades de loxística, distribución e comercialización das persoas produtoras.
Nese sentido, alén das xornadas de traballo técnico, a cita dedicouse en boa parte a coñecer in situ o ecosistema galego. O primeiro día realizouse unha visita á sede central de INDITEX en Arteixo para coñecer da man do seu director de Innovación, Pablo Gómez, os comedores deste centro de traballo e o papel protagonista da produción local na estratexia desenvolvida pola multinacional téxtil no ámbito da restauración colectiva.
Precisamente sobre este tema virou a charla-coloquio “Conectando a produción local e agroecolóxica coa restauración colectiva en Galicia” na que, alén de Gómez, interviñeron Miguel Fernández Pardo, socio do proxecto ECOCOMEDORES DA BIOSFERA, así como Miguel Roig e Victor Boga, ambos os integrantes da Asociación Produtiva ECOAGRA e proveedores de ECOCOMEDORES DA BIOSFERA. Os tres coincidiron nos beneficios económicos, sociais e ata sanitarios de territorializar o consumo introducindo alimentos ecolóxicos, de tempada e proximidade ou quilómetro cero en centros educativos e de traballo.
Á charla acudiron tamén o resto dos socios de ECOCOMEDORES DA BIOSFERA como Beatriz Suárez, directora da Área de Desenvolvemento Rural da Fundación Juana de Vega, e Beatriz Ferreira, directora da Escola Infantil A Caracola.

Reunión do segundo día na sede da Fundación Juana de Vega
A sede da Fundación Juana de Vega acolleu a xornada de traballo do segundo día entre as agrupacións participantes. En diferentes grupos abordáronse asuntos tan importantes para a rede como o seu modelo de gobernanza, a redacción dun plan estratéxico, a intercooperación técnica, as necesidades e capacidades para acceder conxuntamente a financiamento ou a súa futura proxección comercial. Tamén houbo espazo para coñecer a experiencia da Rede Estatal de Supermercados Cooperativos coa intervención de Fernando Navalón.
O III Encontro Estatal de Centros Agroecológicos de Distribución (CAD) pechouse cunha visita á Asociación Raíña que impulsa o desenvolvemento rural mediante agricultura ecolóxica, orientada na súa maioría a comedores escolares, e a inserción laboral, especialmente de mulleres, e un percorrido pola feira Biocultura.


