O proxecto EC4RURAL deseña dúas ferramentas para analizar a viabilidade económica das comunidades enerxéticas

Share

Xusto un ano despois do seu inicio, o consorcio de EC4RURAL acaba de presentar dúas innovadoras ferramentas de cálculo ad hoc para analizar a viabilidade dunha Comunidade Enerxética Rural ou de calquera iniciativa para produción de enerxía comunitaria. Baseadas nunha aplicación ofimática de uso xeneralizado e accesible como é Microsoft Excel, o seu obxectivo é servir de instrumento útil na toma de decisións con transcendencia económica para os xestores destes proxectos comunitarios. Estes avances xa están sendo presentados ao sector en foros como a xornada “As comunidades enerxéticas como motor da transición enerxética”, que organizou o proxecto Eu-Nets a pasada semana en Vigo e estarán tamén dispoñibles na web de EC4RURAL (https://ec4rural.uvigo.gal) para uso libre dos usuarios.

A primeira das ferramentas foi concibida para facer a avaliación previa das implicacións económicas que tería unha iniciativa de produción de enerxía eléctrica de propiedade comunitaria. En base a unha selección de hipóteses e do perfil do usuario, a ferramenta de cálculo realiza as estimacións e presenta os principais conceptos dunha forma visual e resumida. O resultado sería similar a un Plan de viabilidade económica, que é un elemento imprescindible na planificación estratéxica de calquera proxecto con repercusións económicas. É dicir, o resultado vai dar unha idea da sostibilidade dunha proposta de produción enerxética comunitaria previamente á súa realización e, consecuentemente, tamén antes de que se comprometan os recursos para financiar os investimentos requiridos.

A segunda das ferramentas complementa á primeira en canto aos seus obxectivos e perspectiva de análise. Esta deseñouse para asistir aos xestores na avaliación do rendemento anual ou noutro período concreto de tempo cando a comunidade enerxética xa está operativa.

Balance en Estonia
O proxecto EC4RURAL celebrou a súa segunda reunión presencial na cidade de Tartu, Estonia, o 26-27 de setembro. A xuntanza brindoulle aos dez socios a oportunidade de facer balance e reflexionar sobre o progreso acadado desde o lanzamento en setembro de 2023, tratar asuntos organizativos e delinear os próximos pasos. Organizado pola Universidade de Tartu, o encontro foi altamente produtivo, permitindo manter debates construtivos sobre os fitos acadados. Os membros do consorcio coincidiron en que as dificultades que encaran para o desenvolvemento de Comunidades Enerxéticas Rurais nos dous pilotos requiren solucións específicas de acordo cos contextos sociais, políticos e económicos de cada área.

A base de EC4RURAL, unha cidadanía activa
O consorcio de EC4RURAL está formado por dez entidades de España, Bélxica e Estonia lideradas pola Universidade de Vigo. Con sede en Bélxica, atópase a Asociación Europea Leader para o Desenvolvemento Rural (ELARD) e, por parte de Estonia, están a Universidade de Tartu, a Asociación de Cidades e Municipios de Estonia, a Axencia Rexional de Enerxía de Tartu e a Unión Estonia Leader (ELU). En España, participan a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), a cooperativa Sapiens Enerxía, Unión Espazocoop de Cooperativas Galegas e a nosa entidade, a Fundación Juana de Vega.

O proxecto EC4RURAL conta cun orzamento de 1,6M€ cofinanciado polo Programa LIFE da Unión Europea, dentro do subprograma Clean Energy Transition. Ata agosto de 2027, aspira á constitución de 34 comunidades enerxéticas rurais en Galicia (España) e en Estonia, para producir electricidade a través de paneis fotovoltaicos. O obxectivo último é transformar as relacións entre as entidades locais, rexionais e as comunidades rurais para contribuír á transición cara ao consumo consciente de enerxía limpa, garantindo que as zonas rurais non queden atrás nun cambio de modelo imprescindible no actual escenario climático. Tamén se busca evitar a pobreza enerxética a pesar da súa riqueza de recursos.

Os 22 concellos galegos implicados, distribuídos nas catro provincias, ocupan case 2.700 hectáreas e suman unha poboación de case 94.000 habitantes. Son Mazaricos, Moeche, Ordes, Outes, Tordoia, Vedra, Vilasantar (A Coruña); Avión, Entrimo, Muíños (Ourense); Becerreá, Monterroso, Muras, Ourol, Palas de Rei, A Pobra do Brollón, Sober, O Valadouro (Lugo); O Rosal, Salvaterra de Miño, Silleda e Tomiño (Pontevedra).

En Estonia, nos 12 municipios participantes viven máis de 125.000 habitantes, ocupando unha superficie total de máis de 9.000 hectáreas. Son Alutaguse, Elva, Hiiumaa, Järva, Lääne-Harju, Põltsamaa, Rõuge, Saku, Tori, Türi, Viimsi e Viru-Nigula.