O proxecto DOWN TO EARTH organiza a segunda reunión cos stakeholders galegos

Share

O martes 10 de outubro, tivo lugar en Santiago a segunda reunión de stakeholders -grupos de interese- galegos que forman parte do proxecto europeo DOWN TO EARTH en Galicia entre os que se atopan  representantes das universidades da Coruña , Santiago e Vigo; a Asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia, diferentes direccións xerais da Consellería do Medio Rural e de Política Social e Xuventude; e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) . Os anfitrións do encontro foron o socio líder, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) e a Fundación Juana de Vega. 

Logo da benvida por parte da Directora Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), Inés Santé, presentáronse as experiencias visitadas, leccións aprendidas e potenciais aproveitamentos a partir da study visit a Campobasso (Molise – Italia), previo breve repaso das características principais do proxecto no marco do programa Interreg. Ademais, fíxose unha breve mención ao que é unha boa práctica neste tipo de proxectos europeos para asegurar o bo entendemento de todas as partes interesadas do principal obxectivo de DOWN TO EARTH: o intercambio de experiencias entre as rexións participantes para a identificación de boas prácticas susceptibles de mellorar instrumentos de política no ámbito do desenvolvemento rural, o despoboamento e o cambio climático.  

A continuación, expuxose o informe rexional sobre riscos medioambientais, despoboamento e rural galego preparado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e rematouse cunha sesión interactiva entre todos os participantes.

Tres liñas de actuación
O obxectivo de DOWN TO EARTH é abordar ata 2027 a identificación e promoción de boas prácticas para a xestión, mantemento e mellora de capital natural das zonas rurais que permita reducir o risco de desastre ambiental. Ao tempo, quérense xerar novas oportunidades económicas e sociais para que o rural siga medrando.

O consorcio DOWN TO EARTH está integrado por oito entidades públicas e privadas de España Eslovenia, Italia, Alemaña, Grecia, Países Baixos e Romanía:

DOWN TO EARTH dispón de varias temáticas de traballo anuais que teñen en conta a realidade de cada un dos territorios implicados. A primeira son os riscos ambientais vencellados ao despoboamento e ao envellecemento da poboación nas áreas rurais. A segunda, as barreiras de acceso ao rural despoboado e envellecido para a xente nova que quere incorporarse ao sector primario. Por último, traballarase nos instrumentos para fortalecer o papel destes actores na loita contra o cambio climático e a prevención dos riscos ambientais nas áreas rurais.

Para executar estes obxectivos, o consorcio participa en sesións de traballo que inclúen visitas de campo ou talleres dixitais, así como a elaboración de informes territoriais sistemáticos e conclusións operativas para a toma de decisións sobre o terreo.