O proxecto de reordenación da mobilidade urbana “Entrada do Camiño de Santiago. Nodo Concheiros – Avenida de Lugo” en Compostela recibe o Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe 2025

Share

A Fundación Juana de Vega entregou este mediodía na súa sede o Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe 2025, na categoría “Espazos exteriores” que busca poñer en valor aqueles proxectos que melloran a calidade paisaxística do territorio.

O premio recaeu no proxecto de Mellora e integración paisaxística d a “Entrada do Camiño de Santiago en Compostela. Nodo de Concheiros - Avenida de Lugo” firmado por Eduardo Cruz e promovido pola Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) da Xunta de Galicia. Os dous accésits foron para o proxecto “Espazo Rosalía de Mera” (Oleiros, A Coruña), compartido por Orza Paisajismo, Trébore Jardinería e Grupo Naturalista Hábitat, e para o “Xardín de polinizadores Fernando Fueyo” que a Asociación Corripa creou en Pena da Nogueira (Negueira de Muñiz, Lugo).

O xurado tamén decidiu recoñecer con tres mencións especiais os proxectos “Fraga do Alén, ampliación do Cemiterio Municipal da Romea” (Lalín, Pontevedra); ao “Proxecto paisaxístico de recuperación ecosocial no patio escolar do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé” (As Neves, Pontevedra) e a“Humanización San Pedro de Leirado” (Quintela de Leirado, Ourense).

O premiado recibirá 6.000€ e cada un dos  accésits, 1.500€. As mencións especiais reciben un diploma.

O Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe busca recoñecer e poñer en valor aquelas intervencións que transforman o territorio dun xeito sostible, con respecto e beleza, contribuíndo a enriquecer o noso patrimonio. As obras premiadas son intervencións que melloran a calidade da paisaxe e inspiran novas maneiras de convivir co entorno.

Nesta edición de 2025, recibíronse 25 candidaturas localizadas en toda Galicia “de gran calidade” que, como recoñeceu Pedro Calaza, director da Área de Paisaxe e Territorio da Fundación Juana de Vega, “fixeron moi difícil o labor de decisión do xurado”. Pola súa banda, e en relación aos galardoados, Enrique Sáez, presidente da entidade, destacou que con este premio: “desde hai xa máis de vinte anos, queremos crear referencias onde non as hai”.

Cada proxecto singular, en detalle

A Mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago. Nodo de Concheiros - Avenida de Lugo, en Compostela (A Coruña) é un proxecto do arquitecto Eduardo Cruz Aguiar promovido pola Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) da Xunta de Galicia para reordenación da mobilidade urbana nun espazo duns 29.000 m2. O seu deseño substituíu a lóxica viaria por unha concepción compartida do espazo público, introducindo sistemas de drenaxe sostible (SUDs), arborado continuo e iluminación a escala peonil. A paisaxe actúa como infraestrutura activa, integrando función, percepción e sostibilidade. O xurado apreciou especialmente a sobriedade e rigor formal e técnico desta execución no seu contacto co ámbito de protección histórico de Santiago. Considerou remarcable a solución específica para este cruzamento de camiños no eixo coa avenida de Lugo, a antiga vía de circunvalación á zona urbana, que tamén recibe aos milleiros de peregrinos que encaran o último tramo do Camiño Francés tras o descanso no Monte do Gozo, ademais de ser un ámbito de encontro entre barrios e xeracións. “Asumiuse un reto de gran calidade espacial soportada con solucións que salientan a xerarquía do Camiño de Santiago na súa aproximación ao templo”, resaltou o xurado na acta.

No caso do Espazo Rosalía de Mera (Oleiros, A Coruña), o xurado do Premio da Paisaxe 2025 tivo en conta a filosofía da intervención, a calidade e a sensibilidade no deseño e na execución desta gran zona verde duns 20.000 m2, aberta á cidadanía e concibida para a sostibilidade, a participación e a inclusión. Os expertos tamén puxeron en valor que pode ser unha inspiración para proxectos similares, poñendo especial énfase na integración de coñecementos transversais. A análise específica da contorna e os seus valores ambientais, sinalaron, permitiron situar a biodiversidade, tanto flora como fauna, no epicentro do deseño, sen perder importancia a funcionalidade social e a estética do conxunto ou o seu carácter eminentemente divulgador de aspectos ambientais e de biodiversidade específica. Tampouco se esqueceu o xurado de apuntar que este “é un exemplo de colaboración público-privada. Unha parcela edificable transformouse nun parque público para a cidadanía mediante un convenio entre os propietarios e o Concello de Oleiros.”

No Xardín de polinizadores Fernando Fueyo localizado en Pena da Nogueira (Negueira de Muñiz, Lugo), o xurado puxo o foco no esforzo da Asociación Corripa para o desenvolvemento dun xardín didáctico dedicado aos polinizadores, expoñendo a riqueza entomolóxica, a herpetoloxía e as variedades vexetais locais. O proxecto, sinalou, representa un modelo de apoio biolóxico para as masas arbóreas e arbustivas próximas, permitindo unha mellora na súa custodia e conservación. Os expertos tamén destacaron o enfoque docente da proposta, con rutas para os máis novos para, dunha forma accesible e lúdica, ensinarlles bioloxía, biodiversidade e apicultura tradicional.

No caso da Fraga do Alén, ampliación do Cemiterio Municipal da Romea, o xurado decidiu recoñecer cunha mención especial este proxecto promovido polo Concello de Lalín (Pontevedra), e financiado a través do plan REACPON da Deputación de Pontevedra, pola singularidade, aposta e delicadeza na ampliación e transformación dun camposanto tradicional. Un exemplo positivo, especificaron, de como se pode ampliar o uso social e integrar ambientalmente un espazo cun uso moi específico coma este. “A Fraga do Alén disolve os límites do cemiterio, mesturando arquitectura e bosque, creando unha paisaxe onde memoria, natureza e vida se xuntan”, sinalaron.

A Recuperación ecosocial no patio escolar do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé é un proxecto de Mar Penela, Rubén Escuredo e Alexandre Grande promovido polo Concello das Neves (Pontevedra). Foi recoñecido polo xurado cunha mención especial pola integración dun espazo biodiverso nun colexio público. “É unha firme aposta pola biofilia e por ofrecer espazos para a interacción neno-natureza”, sinalaron na acta. O xurado do Premio da Paisaxe 2025 destacaron o deseño, a incorporación de agrupacións arbustivas diversas e o uso da permacultura.

A terceira mención foi para o proxecto de Humanización de San Pedro de Leirado firmada por MOL Arquitectura e promovida polo Concello de Quintela de Leirado (Ourense) e Xunta de Galicia. Esta intervención nun espazo público singular a carón da igrexa parroquial e de arredor do adro analiza e recupera o uso da auga e soluciona a escorrentía, ofrecendo ademais zonas de descanso para a veciñanza con moita delicadeza.

Ver aquí máis información sobre cada proxecto >> https://juanadevega.org/premios-paisaxe/premio-juana-de-vega-de-intervencions-na-paisaxe-2025/