O proxecto Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e Cambio Climático (CAPRIF-CC) impulsará ata o mes de outubro oito iniciativas de emprendemento en Galicia e Asturias enfocadas cara a actividades económicas sostibles e multifuncionais do monte e ao fomento do “emprego verde”, o emprendemento rural e a produción innovadora e de calidade.
Baixo a coordinación da Fundación Juana de Vega, este programa de emprendemento iniciou hoxe na Casa das Ínsuas, en Rábade (Lugo), o proceso de tutorización e apoio guiado a cada un dos oito proxectos seleccionados, entre os 12 que concorreron á convocatoria, coa celebración dun taller presencial para definir os seus modelos de negocio. Os promotores concretaron as propostas de valor, identificando clientes potenciais e establecendo os recursos necesarios para converter as ideas nun modelo viable economicamente.
Este programa de emprendemento enmárcase nas liñas de actuación do proxecto CAPRIF-CC, que conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea cos fondos NextGenerationEU.

Cales son os 8 proxectos seleccionados nos Living Lab do proxecto CAPRIF-CC?
Living Lab Ancares-Courel
Tres dos proxectos emprendedores que se beneficiarán deste programa proceden do Living Lab Ancares-Courel: Paula Seijas Cortón promove unha explotación de gando caprino en réxime extensivo; Sandra Álvarez Fernández pretende crear unha “universidade rural” denominada “Saberes da casa”, orientada á recuperación, posta en valor e transmisión do coñecemento que atesouran as persoas maiores; e Raquel López Vieiros pretende consolidar o seu proxecto de produción de mel “Aramel”.
Living Lab Barbanza-Ulla-Sar
Outros dous proxectos proceden do Living Lab Barbanza-Ulla-Sar: Luis Suárez-Llanos Outeiriño promove a consultora de xestión forestal innovadora “Chan da foresta”; mentres que Lucía Saborido Soñora creará unha destilería de herbas de medicinais e elaboración de aceites esenciais.
Living Lab Valdés-Tineo
No caso do Living Lab Valdés-Tineo, o proxecto emprendedor seleccionado é “Forest Land CO2”, unha empresa de asesoramento e xestión forestal promovida por Gabino Parrondo García para complementar a súa actividade de execución de traballos forestais.
Living Lab Cangas del Narcea-Negueira de Muñiz
Por último, os dous proxectos seleccionados no Living Lab Cangas del Narcea-Negueira de Muñiz son os seguintes: “Ribeiregas”, de Doura Cabaleiro, centrado no cultivo de hortaliza e froita ecolóxica do Alto Navia e na produción de zumes e conservas vexetais; e “Alkimiatresherbas”, de Silvia Rodríguez Blanco, dedicado a a recolección de plantas silvestres para elaborar produtos medicinais e cosméticos.
O proxecto CAPRIF-CC está impulsado pola Fundación Juana de Vega (no rol de coordinadores técnicos), a Fundación Centro de Estudios Eurorregionales Galicia-Norte de Portugal (CEER), a Fundación Centro Tecnológico y Forestal de la Madera (CETEMAS), a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) e a Fundación Montescola.
