O proxecto Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e Cambio Climático (CAPRIF-CC) celebrou esta mañá na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela a súa xornada final de balance tras dous anos de traballo colaborativo en cinco territorios de Galicia e Asturias, demostrando que a xestión comunitaria do monte é clave para crear paisaxes resilientes ao cambio climático e os incendios forestais.

Ante preto de medio centenar de asistentes, o proxecto CAPRIF-CC presentou os resultados do traballo realizado desde comezos do ano 2024 entre entidades sociais, comunidade científica, propietarios forestais, empresas locais e administracións públicas para avanzar cara ao obxectivo común de promover unha xestión multifuncional do monte que reforzase a resiliencia fronte aos os incendios forestais e o cambio climático, á vez que se xeraban oportunidades para o desenvolvemento rural.
Ademais de múltiples representantes das entidades promotoras e dos colectivos participantes no proxecto, á apertura da xornada asistiron a directora da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (FCEER), Inés Gusman; o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade; a coordinadora da área de Bioeconomía da Fundación Biodiversidad, Gemma Rodríguez Cáceres -intervención en liña-; e o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia, José Luis Chan.
Impulsado pola Fundación Juana de Vega, xunto coa Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER), a Fundación Centro Tecnolóxico e Forestal da Madeira (CETEMAS), a Fundación Montescola e a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), o proxecto CAPRIF-CC contou co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea cos fondos NextGenerationEU.
Durante os últimos dous anos, o proxecto CAPRIF-CC traballou en cinco Living Labs situados en Galicia e Asturias: Barbanza-Ulla-Sar, Ancares-Courel, Macizo Central, Cangas de Narcea-Negueira de Muñiz e Valdés-Tineo.
Participación comunitaria e nova gobernanza do monte
Uno dos principais logros do proxecto foi demostrar que a participación comunitaria é unha peza crave para establecer unha nova gobernanza do monte. A través dos Living Labs, CAPRIF-CC implicou a 180 persoas, que achegaron máis de 200 propostas, no deseño dunha folla de roteiro compartido para un “monte do futuro”, máis diverso e mellor xestionado e preparado para afrontar grandes incendios.
Durante este proceso, CAPRIF-CC impulsou a creación dunha Rede de Áreas Conservadas por Comunidades Locais, que xa integra a máis de 90 comunidades de montes, e elaborou un Atlas de Áreas Conservadas por Comunidades Locais, a modo de repositorio aberto que recolle unha trintena de experiencias inspiradoras de xestión forestal sostible e que reforza a aprendizaxe colectiva entre territorios.
Do diagnóstico á acción no territorio
Ao longo dos dous anos de traballo, o proxecto CAPRIF-CC combinou a participación social co coñecemento técnico e científico. Entre os froitos deste labor destaca a xeración de cartografía detallada e visores territoriais, apoiados en voos de dron e análise espacial, que resultan fundamentais para planificar actuacións estratéxicas de prevención de incendios, conservación da biodiversidade e mellora do interface urbano forestal.
Este traballo traduciuse en actuacións piloto concretas, como a mellora de pastos vinculada á gandería extensiva, a restauración de camiños tradicionais, a eliminación de especies invasoras, a creación de devasas verdes ou a restauración de hábitats de interese. En territorios como Ancares-Courel, estas accións foron acompañadas da creación de dúas xuntas xestoras nos montes de varas de Paderne e Piornedo.
Economía verde e valorización dos servizos do ecosistema
O proxecto tamén apostou por reforzar o vínculo entre a xestión forestal e a denominada economía verde, apoiando a oito persoas emprendedoras -seis delas mulleres- en iniciativas ligadas á gandería extensiva, a apicultura, os froiteiros tradicionais ou o aproveitamento de plantas aromáticas, demostrando que xestionar o territorio é tamén unha forma de fixar poboación e xerar emprego.
Ademais, CAPRIF-CC abriu novas vías de financiamento mediante a certificación FSC de servizos do ecosistema -centrada en biodiversidade e carbono de 13 dos montes que participan o proxecto- e o establecemento de acordos de patrocinio e mecenado con empresas, garantindo a conservación de espazos de alto valor natural e sentando precedentes innovadores para outros territorios.
Un legado con continuidade
Desde a Fundación Juana de Vega sublíñase que CAPRIF-CC non termina co peche do proxecto, senón que os resultados alcanzados e o fortalecemento das alianzas cos cinco territorios implicados permitirán darlle continuidade a varias das iniciativas iniciadas, consolidando modelos de xestión multifuncional do monte que poden ser replicados noutros territorios con problemáticas similares.
Durante a xornada de peche, os impulsores do CAPRIF-CC incidiron en que este proxecto demostrou que cando o coñecemento técnico e científico combínase coa sabedoría local e o compromiso das comunidades, o monte deixa de ser un problema para converterse nunha oportunidade: un monte vivo, xestionado en común, capaz de facer fronte ao cambio climático e de construír futuro no medio rural.
