O proxecto CAPRIF-CC completa con boa acollida os primeiros talleres nas cinco zonas de actuación de Galicia e Asturias

Share

O proxecto CAPRIF-CC completou as primeiras sesións nos cinco laboratorios de innovación (living labs) dos territorios de actuación de Barbanza-Sar-Ulla, Macizo Central, Os Ancares–O Courel (Galicia), Valdés (Asturias) e a transfronteiriza de Cangas del Narcea-Negueira de Muñiz. Ademais de constituír os grupos de traballo, en todos puido establecerse un punto de partida consensuado entre os participantes para desenvolver as próximas accións do proxecto. “Non pensaba que tiveramos tantas cousas en común”, valoraba un dos asistentes.

En xeral, foron sesións moi dinámicas e participativas durante as que quedou patente o dinamismo e interese dos axentes, así como a sintonía co modelo de co-creación no que se basea CAPRIF-CC,así como coa necesidade dos axentes asistentes para asociarse para desenvolver iniciativas innovadoras de xestión multifuncional do monte para xerar valor económico e potenciar o emprendemento local.

Os cinco obradoiros convocados en xuño son os primeiros dunha serie de tres sesións de traballo en cada área (haberá 15 en total), planificadas para analizar a situación de partida, definir os resultados aos que poden aspirar en cada monte e contrastar e formular propostas innovadoras nunha dinámica de traballo creativo, algunha das cales serán seleccionadas para ser implementadas como proxectos piloto. As dúas sesións restantes desenvolveranse entre os meses de setembro e novembro deste ano.

O proxecto CAPRIF-CC tamén ofrecerá accións formativas e voluntariado ambiental durante as vindeiras semanas.

Cada encontro, en detalle
1ª sesión do Living Lab de Barbanza-Ulla-Sar. Unhas 25 persoas reuníronse o xoves, 13 de xuño no Auditorio Municipal de Rianxo durante a primeira sesión do “Living Lab” para o ámbito territorial Barbanza-Ulla-Sar. O grupo estaba formado por representantes das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común dos  concellos de Dodro, Lousame, Padrón, Porto do Son e Rianxo, ademais doutras persoas que, por traxectoria e perfil, achegaron perspectivas e ideas para favorecer a innovación a xestión sostible do monte.

1ª sesión do Living Lab do Macizo Central. Celebrouse no local da CMVMC de Laza, Cimadevila e Souteliño o venres, 21 de xuño pola tarde. Reuniu a 25 representantes das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común dos concellos de Laza e Montederramo, así como a técnicos forestais, responsables do proxecto e persoas e organizacións que pola súa traxectoria e perfil tamén se achegaron para compartir perspectivas e ideas para favorecer a innovación a xestión sostible do monte.

1ª sesión do Living Lab do Os Ancares-O Courel. O xoves, 27 de xuño pola tarde, e con 15 participantes, a Estación Científica da Universidade de Santiago de Compostela en Seoane do Courel acolleu o primeiro obradoiro participativo do proxecto CAPRIF-CC.

1ª sesión do Living Lab de Cangas del Narcea-Negueira de Muñiz. Tivo lugar no Auditorio Municipal de Cangas del Narcea na mañá do venres, 28 de xuño e nel participaron 25 representantes do Monte de Varas de Llarón (Cangas del Narcea, Asturias) e da CMVMC de Vilauxín, Pena da Nogueira e Robledo (Negueira de Muñiz, Lugo, Galicia).

1ª sesión do Living Lab Valdés. Convocouse no Colexio Público de San Miguel de Trevías na tarde do venres, 28 de xuño e centrouse nos montes de parroquia rural de Trevías e propiedades particulares circundantes (Valdés). Asistiron 29 persoas.

Que é CAPRIF-CC?

O proxecto CAPRIF-CC, que se desenvolverá ata finais de 2025, traballará coas comunidades rurais de ámbitos de alto valor natural e/ou áreas queimadas de Galicia e Asturias para co-crear iniciativas innovadoras de xestión multifuncional do monte que sexan compatibles coa xeración de valor económico e potencien o emprendemento local. Este proxecto impulsará modelos multifuncionais do monte para preservar os seus valores ambientais e mellorar os seus servizos ecosistémicos, fortalecendo as capacidades das comunidades rurais mediante formación e sensibilización a propietarios e xestores para implicalos na xestión sostible.

O consorcio está formado pola Fundación Juana de Vega (coordinadores técnicos), a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER), a Fundación Centro Tecnolóxico e Forestal da Madeira (CETEMAS) , a Asociación de Custodia do Territorio Galego (AGCT) e a Fundación Montescola e conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea con fondos Next GenerationEU.

As cinco áreas de actuación son Barbanza-Ulla-Sar (Dodro, Lousame, Padrón, Porto do Son e Rianxo); e o Macizo Central (Laza e Montederramo), a transfronteiriza Cangas del Narcea-Negueira de Muñiz, e a asturiana de Valdés.