O proxecto Aloumiños da Terra recibe o III Premio Juana de Vega ao emprendemento agroalimentario

Share

Como cada ano desde 2012, a sede da Fundación Juana de Vega convértese no lugar de encontro para emprendedores e empresas que tecen o futuro da Galicia rural, como di o lema desta iniciativa única en Galicia. Esta mañá tivo lugar na sede da entidade a presentación dos once proxectos seleccionados para participar no XIII Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias tanto na modalidade de emprendemento como de crecemento e consolidación. Entre o público había potenciais clientes, financiadores, proveedores, así como entidades e persoas que apostan por crear riqueza no rural con iniciativas propias ligadas ao territorio.

Durante o evento, tamén se entregou o III Premio ao mellor proxecto da modalidade de emprendemento a Rosa Mª Covelo, promotora de Aloumiños da Terra (Ponteareas, Pontevedra), para axudarlle a continuar desenvolvemento o seu proxecto de horta en ecolóxico nas ribeiras do Tea, acariñada polas néboas do Val. O xurado considera que as 30 horas de asesoramento e acompañamento que recibirá a maiores serán un impulso extra para sacar ao mercado un produto innovador con gran proxección no mercado como é o allo negro. O allo negro, con gran poder antioxidante, é allo fermentado sometido a diferentes temperaturas e humidade durante varios días.

O xurado tamén valorou o seu progreso exponencial desde que en febreiro pasado se lle comunicou que era unha das beneficiarias do XIII Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias da Fundación Juana de Vega.

Tras escoitar ás seis persoas emprendedoras, e por segundo ano, o xurado decidiu conceder un accésit a Natalia e Matilde Mondelo Cao para continuar dando forma á Casa do Aceite de Quiroga. Valorou o seu esforzo por poñer no mapa a cultura e á produción do aceite en Galicia, divulgando a súa importancia histórica e económica, e combinando este modelo de negocio co turismo experiencial e sostible, intimamente ligado ao territorio e á natureza da Ribeira Sacra. O accésit consiste en 15 horas de asesoramento a maiores das recibidas durante este 2025.

O xurado do III Premio Juana de Vega ao emprendemento agroalimentario estivo integrado por Gabriel Guijarro Arca, subdirector xeral de Caixa Rural Galega; Susana Vázquez García, analista de inversións de Xesgalicia; Loly Martínez Cortizas, titora do programa; e Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega.

Esta mañá, Rosi, Melissa e Fátima, Néstor, Natalia e Matilde, Carlos e Gabriel, Pepe, Tamara, Manolo, Xosé e Sandra, os once beneficiarios do XIII Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias subiron ao estrado para presentar a súa estratexia de futuro co respaldo das 50 horas de formación e das 25 de titorías personalizadas que recibiron cada un.

Durante o evento, a Fundación resaltou o esforzo destas once persoas que durante todo o ano mantiveron o seu compromiso co Programa e, que ademais das conexións online, tamén se desprazaron periodicamente ata a sede da Fundación desde Ponteareas, Fornelos de Montes, Cerceda, Quiroga, Sarria, Sada, Baralla, Taboada, Pantón e Sanxenxo.

No discurso de despedida, o presidente da Fundación Juana de Vega destacou que “as persoas emprendedoras arriscádesvos para poñer en marcha os vosos proxectos. Sodes fundamentais para a saúde económica: creades emprego e riqueza, achegades dinamismo para adaptarnos a tempos de cambio; seguro que de algunhas das vosas iniciativas xurdirán grandes compañías”, valoraba e continuaba. “As pequenas e medianas empresas sodes a base importante desa clase media dinámica que necesitamos”.

Unha semana para candidatarse á edición 2026
O Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias é unha iniciativa que a Fundación Juana de Vega mantén con fondos propios desde 2012 para apoiar ás persoas que queren traballar por conta propia no medio rural de Galicia. “A Fundación Juana de Vega herda o espírito liberal e solidario da gran muller que a creou. Sabemos que para o desenvolvemento do noso espazo rural é imprescindible o esforzo da sociedade civil. Apoiamos aos emprendedores, tentamos axudarlles a que fagan ben as cousas, a que saian adiante, se consoliden e medren”, recordou Sáez Ponte.

A inscrición para a edición 2026 finaliza o próximo xoves, 5 de decembro na web https://programadeapoyo.juanadevega.org.

Durante un ano, ata a doce emprendedores e empresas do rural de Galicia ofréceselles formación e mentorización gratuíta para a implantación das súas ideas de negocio, apoio técnico para abordar proxectos de innovación, mellora, expansión ou incluso sucesións de empresas familiares, entre outras casuísticas. Os sectores obxectivo son o agroalimentario (produción, transformación, comercialización), forestal, planta ornamental, bioeconomía, marisqueiro e pesqueiro; así como proxectos tecnolóxicos e de servizos que dean soporte aos anteriores.

Ata o momento, no Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias levan participado máis de 130 beneficiarios, entre eles entidades coñecidas e recoñecidas como a Comunidade de Montes de Baroña, OVICA (Asociación de Criadores de Ovino e Caprún de Galicia), TasteLab, Galo Celta, Innogando, as cooperativas Terras da Mariña, A Carqueixa,... e tamén moitos outros pequenos promotores espallados por toda Galicia.