O programa "Vilas en Flor" celebrará a súa cuarta edición cun total de 31 concellos, trala incorporación de 5 novos participantes

Share

Oleiros, 31 de agosto de 2021 - O programa «Vilas en Flor», unha iniciativa que procura a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos de menos de 45.000 habitantes, chega este ano á súa cuarta edición con cinco novos concellos participantes confirmados, aínda que a organización continúa o traballo de captación de novos candidatos. Na anterior edición participaron 26 concellos (A Guarda, Allariz, Baiona, Betanzos, Caldas de Reis, Cambados, Carballiño, Chantada, Culleredo, Cuntis, Fene, Gondomar, Guitiriz, Lalin, Mondoñedo, Narón, Ortigueira, Ponteceso, Pontedeume, Sada, Salceda De Caselas, Salvaterra Do Miño, San Sadurniño, Sarria, Tomiño, Tui.) aos que se suman neste ano cinco novos (A Estrada, Oza-Cesuras, Miño, Mondariz e Vilagarcía).

O proxecto persegue a mellora ambiental, social e económica dos concellos, así como a dinamización do sector do paisaxismo, seguindo o modelo existente noutras comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Canarias e Valencia, a semellanza do sistema implantado desde hai décadas noutros países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia e Canadá.

“Vilas en flor” é un programa encamiñado á posta en valor da riqueza natural e paisaxística dos municipios galegos, na liña da mellora ambiental e da man dun deseño e xestión sustentable dos espazos verdes que contribúa á mellora da calidade de vida dos seus habitantes e favoreza a imaxe dos municipios de cara aos visitantes e turistas. A xeración de espazos de formación, reflexión e debate entorno á xestión sostible, a promoción dos espazos verdes como punto de encontro entre as relacións sociais interxeracionais e a mellora da conciencia social cara ás políticas de sostibilidade ambiental dos espazos verdes urbanos, son algúns dos obxectivos que persegue.

Na situación actual, e logo dun confinamento que puxo de manifesto a importancia para o cidadán de poder gozar de espazos verdes de proximidade, tal como demostraron diferentes estudos en países como España, Italia, Eslovenia, Croacia, Israel ou Lituania, o movemento Vilas en Flor ten o espírito máis forte que nunca.

As “Flores de Honra”, que abranguen cinco niveis, son o distintivo que se concede anualmente aos municipios participantes, segundo criterio dun xurado especializado formado por expertos de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo. O programa recoñece tanto a traxectoria como as accións levadas a cabo polos concellos galegos para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna.

Na pasada edición, o xurado distinguiu aos concellos de Chantada e Allariz con catro flores de honra; a Caldas de Reis, Lalín, Salvaterra do Miño e Tomiño con tres; a A Guarda, Baiona, Cambados, O Carballiño, Culleredo, Cuntis, Fene, Gondomar, Narón, Mondoñedo, Salceda de Caselas, Ponteceso, Pontedeume, Sada e Sarria, con dous; e Betanzos, Guitiriz, Ortigueira, San Sadurniño e Tui foron recoñecidos cunha flor de honra.

No último trimestre do ano un xurado realizará as visitas a todos os concellos participantes e decidirá que concellos son merecedores dalgunha distinción, podendo acadar cada un deles un máximo de cinco flores.

Deste xeito, os concellos son recoñecidos pola súa adecuada implantación e xestión dos espazos verdes, contribuíndo de maneira directa ao desenvolvemento económico local, xerando máis actividade económica derivada do sector da xardinería así como dun previsible aumento de visitas turísticas. De feito, existen rutas específicas para os concellos que participan neste tipo de programas. Por outra parte, os concellos polos que transcorre o Camiño de Santiago poderán ser considerados, recoñecidos e valorados desde un prisma internacional, construíndo unha marca de calidade local.

A iniciativa está organizada pola Fundación Juana de Vega, a Asociacion de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar)

Aos 26 participantes do ano pasado súmanse nesta edición 5 novos concellos: A Estrada, Oza-Cesuras, Miño, Mondariz, Vilagarcía.

Na anterior edición foron Allariz e Chantada as localidades que acadaron mellor puntuación, revalidando ás súas catro flores de honra por terceiro ano consecutivo.