O programa Vilas en Flor 2023 premiará o esforzo de 39 municipios galegos por mellorar os seus espazos verdes

Share

Durante a primeira quincena de outubro, un grupo de expertos do programa Vilas en Flor 2023 visitará os 39 concellos inscritos nesta edición para valorar o traballo que realizaron nos pasados meses co obxectivo de mellorar a xestión dos seus espazos verdes. Todos eles aspiran a recibir os galardóns denominados Flores de Honra (ata un máximo de cinco) cos que tamén se recoñecerán aspectos como a xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna.

Xinzo de Limia, Ponteareas e O Rosal participan por primeira vez nesta iniciativa impulsada pola Fundación Juana de Vega xunto con Asvinor (Asociación de Viveristas del Noroeste) e Agaexar (Asociación Galega de Empresas de Xardinería). Este programa segue a estela doutros similares xa en funcionamiento en Aragón, Canarias, Cataluña e Valencia ou países como Francia (Villes et Villages Fleuris), Italia (Comuni Fioriti), Reino Unido (Britain in Bloom), Irlanda (Tidy Towns) ou Canadá (Communities in Bloom).

Por provincias, na Coruña hai 15 concellos adscritos; outros 15 en Pontevedra; 6 en Ourense e 3 en Lugo co denominador común de que todos eles teñen menos de 40.000 habitantes.

Provincia da Coruña (15): Culleredo, Narón, Ortigueira, Ponteceso, Pontedeume, Sada, San Sadurniño, Oza-Cesuras, Abegondo, Arteixo, Coristanco, Carballo, As Somozas, Curtis, A Laracha.
Provincia de Pontevedra (15): Baiona, Caldas de Reis, Cambados, Cuntis, A Estrada, Gondomar, Lalín, Mondariz, Ponteareas, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño, Tui, Vilagarcía de Arousa.
Provincia de Ourense (6): Allariz, O Carballiño, Leiro, Pobra de Trives, San Xoán de Río, Xinzo de Limia.
Provincia de Lugo (3): Chantada, Mondoñedo, Sarria.

Expertos de Galicia e de Portugal
O equipo de expertos está formado por un total de catorce profesionais voluntarios, de Galicia e de Portugal, todos cunha longa traxectoria no ámbito do paisaxismo, o viveirismo, a bioloxía ou a formación agraria, e cun perfil diverso. O grupo está integrado por docentes universitarios, enxeñeiros técnicos agrícolas, enxeñeiros agrónomos, arquitectos ou técnicos municipais de concellos de máis de 40.000 habitantes que tamén queren colaborar con Vilas en Flor, tanto de Galicia como de Portugal.

Repartidos en grupos, están a realizar os percorridos polas 39 localidades acompañados dos responsables municipais. Os tres aspectos contemplados nas bases que valoran os expertos son: o patrimonio vexetal e paisaxístico; o respecto polo medio ambiente e a sostibilidade; e o uso social e as sinerxias coa actividade turística.

A entrega dos galardóns Vilas en Flor 2023 terá lugar nun acto público a finais do outono.

Equipo de expertos de Vilas en Flor 2023

María Isabel Iglesias Díaz. Doutora en Ciencias Biolóxicas. Profesora titular na Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago de Compostela.

Carlos Cárcamo Álvarez. Enxeñeiro técnico agrícola municipal do Concello de Ourense.

María Natividad Gilsanz Mosquera. Bióloga. Técnico de medio ambiente no Concello de Ferrol.

Camino Nicolás Velado.  Enxeñeira de montes e enxeñeira técnica agrícola. Directora CFEA de Guísamo – AGACAL- Xunta de Galicia.

Silvia V. Caffaro. Doutora Enxeñeira Agrónoma. Empresa: Viveros Florgalicia S.L.

Xurxo Xoán González Conde. Administrador de Viveiros Adoa.

Francisco Javier González Abuín. Enxeñeiro técnico agrícola. Experto en xestión de espazos verdes.

Domingos Manuel Mendes Lopes. Director da Graduacão de Arquitetura Paisagista da UTAD. Profesor do Departamento de Ciências Florestais e Arquitetura Paisagista da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD).

Manuel Torres Lavandeira. Doutor enxeñeiro agrónomo. Profesor titular na Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago de Compostela.

Manuel Rodilla del Barrio. Arquitecto técnico.

José Antonio Rivas Paz. Enxeñeiro agrónomo. Xerente da Fundación Ingeniería Agronómica para el Desarrollo de Galicia.

Amancio Lavandeira. Enxeñeiro técnico agrícola. Profesor no ciclo superior de Paisaxismo e Medio Rural en EFA Fonteboa, de Coristanco.

Salvador Rouco Granxa. Enxeñeiro agrónomo. Profesor xubilado de xardinería no CIFP A Granxa, de Ponteareas.

Francisco Rodríguez Trinidad. Biólogo. Experto en arboricultura.

Xosé Lois Arenas Barreiro. Enxeñeiro técnico agrícola e xefe de explotación. Docente do CFEA de Guísamo – AGACAL -Consellería do Medio Rural.